Fernando Novoa: "Un barco perdendo combustible non debe achegarse á costa galega"
Fernando Novoa: "Un barco perdendo combustible non debe achegarse á costa galega"
"Non hai suficientes garantías de que os danos vaian ser recompensados", asegura o exdirector técnico de Salvamento e asesor da Xunta sobre catástrofes coma a do Prestige
O exdirector técnico de Salvamento e asesor da Xunta en catástrofes Fernando Novoa dixo no Bos días da TVG que, debido á nova normativa, xa non poden volver suceder casos como o do Prestige, un monocasco antigo que pasaba preto das costas galegas.
En todo caso, salientou que ningún barco que vaia perdendo combustible debe achegarse á costa galega. "Os galegos non temos por que sufrir as consecuencias do tráifco internacional, cando non hai suficientes garantías de que os danos vaian ser recompensados", salientou.
"Durante a crise do Prestige, chamoume a atención que científicos que nada tiñan que ver coas técnicas de remolque de barcos deran recomendacións de todo tipo", salienta.
"As decisións que tomou o capitán Mangouras puxeron en perigo a vida dos tripulantes dos remolcadores e dos helicópteros de rescate", asegura o exdirector técnico de Salvamento. "Pola súa culpa, o barco estivo a piques de bater contra as rochas", engade.
Novoa di que afastara o barco porque permitía recoller o combustible no mar e non nas rochas, para poder actuar ante a ruptura do remolque, e porque "o barco podía partir en dous en calquera momento".