A ministra Isabel Rodríguez reivindica o Nunca máis na homenaxe á marea branca
A ministra Isabel Rodríguez reivindica o Nunca máis na homenaxe á marea branca
Camariñas lembra o traballo dos voluntarios cunha placa e un mural na lonxa vella
Vinte anos da maior catástrofe ambiental da historia de España
Coa asistencia da ministra de Política Territorial, Camariñas homenaxeou este domingo 13 de novembro de 2022 os miles de voluntarios que hai vinte anos se achegaron á Costa da Morte para participar nas tarefas de limpeza do chapapote vertido tras o naufraxio do Prestige. Un mural instalado na lonxa vella, unha placa conmemorativa e unha exposición fotográfica na casa da Pedra lembran a marea branca que lle fixo fronte á marea negra, na que foi a maior catástrofe ambiental da historia de España.
"E vemos tres autobuses, e empezou a saír xente vestida de branco, con luvas, ben equipados, empezaron a facer unha ringleira. Deus, eu iso non o vou esquecer en toda a miña vida", lembra esta veciña.
A ministra estivo acompañada pola alcaldesa e o presidente da Deputación da Coruña. Na súa intervención, Isabel Rodríguez reivindicou a cultura do Nunca Máis. Dixo que a marea branca foi a primeira gran mobilización por motivos ambientais do país e que vinte anos despois estamos mellor, con máis conciencia social e máis medios para loitar contra un accidente deste tipo.
"Cun Goberno que leva a política ecolóxica como unha política de Estado, que lle fai fronte ao cambio climático que propón unha nova política enerxética alternativa a estes combustibles" "Para que iso non volva suceder, lembranza, nunca máis".