Fernando, un xastre artesán no cumio do luxo
Fernando, un xastre artesán no cumio do luxo
Aos 58 anos, deixou de traballar por conta allea e abriu a súa propia xastrería
Tamén dá clases para perpetuar o oficio do seu pai
Nada máis entrar no local de Fernando vemos unha foto do seu pai cosendo nos anos 50, e despois outra do propio Fernando en 2024. Nas fotos aparece a mesma máquina de coser, que é a mesma que podemos ver no escaparate desta nova xastrería.
Aos seus 58 anos, o maio pasado este xastre deixou de traballar por conta allea e abriu o seu propio negocio, seguindo o oficio do seu pai e impartindo tamén clases para os que queiran aprender a xastrería artesá.
Faise todo a man, non hai dúas pezas iguais. Fernando explica que as pequenas imperfeccións de cada traxe, ás veces imperceptibles, son as que o dotan de alma.
Por volume de traballo, ultimamente tardan uns dous meses en entregar cada peza. Fai traxes que custan dende 1.500 euros ata onde se queira chegar, porque Fernando traballa con materiais de valor sorprendente, coma a vicuña, a fibra máis fina que existe. Un metro deste material para facer un traxe está entre os 8.000 e os 11.000 euros.
E di que si, que hai público para todo isto, pero que falla a man de obra que saiba manexarse na xastrería. Por iso ao dar clases tamén está a perpetuar o oficio do seu pai.