Publicador de contidos
Publicador de contidos

Crean en Vilalba unha chaqueta lixeira que evita as picadas das avespas asiáticas

Crean en Vilalba unha chaqueta lixeira que evita as picadas das avespas asiáticas

Os profesionais e os particulares agora tamén poderán protexerse dos ataques da velutina

O novo equipo de protección está especialmente deseñado para labores coma rozas ou cortas

Félix Aragunde 03/04/2024 14:11

Na última década, os ataques da avespa velutina feriron numerosas persoas e mesmo provocaron unha decena de mortes en Galicia.

Os apicultores e os equipos de emerxencias foron os primeiros en contar con traxes de protección, pero agora os profesionais dos sectores forestal e agrícola, así como os particulares, tamén poderán protexerse.

Farano cunha chaqueta lixeira que funciona como unha coiraza ante as picadas e que foi desenvolvida por unha empresa de Vilalba en colaboración cun experto en avespas asiáticas.

A chaqueta, que tamén se adapta ao uso de casco, é froito de anos de traballo. Os seus creadores tiveron que realizar previamente cinco prototipos ata dar co deseño definitivo, que está certificado e conta coa patente para toda a Unión Europea.

Lolo Andrade, experto en avespas asiáticas: "Comezamos cun modelo básico, partindo dun traxe de eliminación de avespeiros, e fómolo facendo menos pesado, máis resistente ante os golpes das rozas e, sobre todo, transpirable".

Lolo Andrade foi probando os sucesivos prototipos cos niños de avespas, mentres que os fabricantes se encargaron de implementar as melloras necesarias. Aseguran que o resultado é unha auténtica armadura lixeira, feita cun tecido especial que evita as picadas.

María Xosé Fernández, directora da fábrica Xorsa de Vilalba"Está feito con cordura, un material resistente ás rozaduras, as roturas e ás picadas. Ademais, certificamos cada un dos nosos produtos, para ter unha garantía total de seguridade".

Esta nova protección contra a avespa asiática estará dispoñible nos concesionarios de Benza distribuídos por todo o país, a un prezo máis accesible que o dos traxes completos que xa se viñan fabricando e comercializando dende Vilalba.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade