Publicador de contidos
Publicador de contidos

Constatan o descenso no número de niños de velutina este verán

Constatan o descenso no número de niños de velutina este verán

Os bombeiros de Ourense retiraron de xuño a agosto 40 niños ao mes, fronte aos 120 cada mes do ano pasado

Unha primavera chuviosa e fría e as trampas colocadas para capturar raíñas, claves no retroceso da avespa asiática

G24.gal 19/08/2024 14:11

Dous factores principais explicarían, segundo os expertos, este descenso. Por unha banda as condicións meteorolóxicas, cunha primavera chuviosa e de temperaturas máis ben baixas, e pola outra o sistema de trampeo, que aínda que nalgunhas zonas comezou algo tarde, en xeral si contribuíu a reducir de xeito importante o número de raíñas.

De feito os datos dos bombeiros de Ourense son claros: este ano tiveron tres veces menos intervencións que o ano pasado. Tamén no rural se constata que as temidas avespas asiáticas van perdendo batallas.

Iso si, a guerra continúa, pero o exército invasor vai diminuíndo efectivos e xa fai menos asentamentos. Como mostra, unha cifra: os bombeiros de Ourense retiraron desde xuño ata o que vai de agosto tres veces menos niños que no mesmo período do ano anterior.

"En xuño, xullo e agosto, o ano pasado retiramos uns 120 niños cada mes. Este ano, levamos uns corenta retirados", sinala José Benito Álvarez, oficial dos bombeiros municipais de Ourense.

O principal motivo deste retroceso está na meteoroloxía. As condicións desta primavera favoreceron o atraso na construción dos niños.

"Esta primavera foi moi fría e choveu ata practicamente o mes de xullo. Iso levou a que as raíñas non fixeran os niños primarios, os primeiros que elaboran, e logo para o niño grande non se deron as condicións meteorolóxicas que necesitan", apunta Rubén Novoa, apicultor con varias colmeas no concello da Merca.

E outro factor tamén importante é o sistema de trampeo. Colocáronse máis, nun espazo máis amplo e no momento acaído. As raíñas atrapadas nelas interrompen o ciclo de expansión da avespa asiática.

"A mancomunidade de Celanova colocou trampas por toda a comarca e capturou unhas 700 raíñas. Sumadas ás que collemos os apicultores fan un número moi importante, o que evita a construción de novos niños e impide a expansión da velutina", comenta Rubén.

Con todo, non hai que baixar a garda, porque a velutina segue presente e continuará intentando colonizar novas áreas. Os expertos aconsellan manter o programa de trampeo ata ben entrado o outono. Porque as abellas viven máis tranquilas nas colmeas porque o inimigo vai perdendo batallas, pero a vitoria final aínda non chegou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade