Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comisan 11 toneladas de camisetas falsas para a final da Champions e a Eurocopa

Comisan 11 toneladas de camisetas falsas para a final da Champions e a Eurocopa

A policía localizou, nuns 15 camións, 46.000 obxectos falsificados cun valor de mercado aproximado de seis millóns de euros

EFE 31/05/2024 11:15 Última actualización 31/05/2024 11:35

A Policía Nacional comisou once toneladas de roupa deportiva falsificada destinada presuntamente a organizacións que ían vendelas durante a final da liga de Campións e a Eurocopa

Viaxaban nuns quince camións de gran tonelaxe e trátase da segunda incautación levada a cabo no marco da bautizada como operación Pilae, despois de que en abril se localizasen dúas toneladas de camisetas procedentes da China en dous establecementos da localidade madrileña de Parla.

Seguindo coas pescudas, os axentes souberon deste novo cargamento de produtos falsificados que estaba para chegar a España e fornecer a diversas organizacións criminais que pretendían colocalos no mercado ilícito para a celebración da final da liga de Campións -este sábado- e da Eurocopa, que arrinca en Alemaña a mediados de xuño.

Unha vez localizada a mercadoría estableceron un dispositivo formado por máis dunha vintena de axentes e interceptaron quince camións de gran tonelaxe nos que atoparon 36.500 equipamentos deportivos de distintas marcas, clubs de fútbol españois e seleccións europeas.

Tiñan como destino varios grupos situados en España que supostamente ían distribuílas na vía pública ou a través de redes sociais e páxinas web.

Os camións, ademais, transportaban máis de 2.000 reloxos de luxo falsificados, marroquinería de alta gama e outros produtos de electrónica que tamén foron intervidos.

En conxunto eran máis de 46.000 obxectos falsificados cun valor de mercado aproximado de seis millóns de euros, estima a Policía.

Estas intervencións encádranse na primeira fase desta operación contra as organizacións importadoras e distribuidoras de artigos ilícitos, que continúa aberta. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade