Ferrol lembra o reporteiro José Couso no 20 aniversario do seu asasinato en Bagdad
Ferrol lembra o reporteiro José Couso no 20 aniversario do seu asasinato en Bagdad
Familiares e achegados seus instan o Goberno a recuperar a xustiza universal
"Levamos 20 anos co recordo de José Couso para que non se silencie este crime de guerra", din os familiares do xornalista
Ferrol lembrou o xornalista José Couso no 20 aniversario da súa morte en Bagdag nun atentado contra un hotel onde se aloxaban xornalistas, durante a guerra de Iraq.
Este sábado celebrouse o acto de homenaxe e lembranza na praza da Paz-Jose Couso ao mediodía, organizado por Esquerda Unida coa participación da familia e de amigos e veciños, que depositaron unha coroa de flores.
"Neste último ano estamos a ver imaxes que nos volven lembrar aquela guerra, a de Iraq, que coma todas, representa o máximo expoñente do fracaso do ser humano, da solidariedade dos pobos e da liberdade", sinala nunha comunicado EU, en referencia á invasión rusa de Ucraína.
"Por desgraza, en todas as guerras hai vítimas, pero o caso de José Couso e o seu compañeiro ucraíno, Taras Protsyuk, trátase dun crime de guerra, pois non se atopaban no medio dun combate e non foi un torpedo perdido o que acabou coas súas vidas, senón que foron vítimas dun proxectil procedente dun tanque estadounidense que foi lanzado contra o hotel Palestina, onde só había xornalistas contando unha verdade incómoda", insisten.
Nese momento, sinalan, comezou "outra guerra", a da familia de José Couso esixindo "investigación e xustiza" polo seu asasinato. "Levamos 20 anos lembrando a José Couso para que non se silencie este crime de guerra, para evitar que collan forza as falsidades e as medias verdades dos que queren xustificalo", sinalan.
Familiares e achegados de José Couso emprazaron este sábado o Goberno para recuperar a xustiza universal para investigar o asasinato do reporteiro ferrolán, do que se cumpren vinte anos nesta mesma xornada.
Haberá un evento semellante o próximo 22 de abril en Madrid. Un tío do informador Quico Permuy, instou o executivo a que se "cumpra co establecido" no acordo para a formación da "coalición progresista" de PSOE e Unidas Podemos, que estipulaba a modificación lexislativa precisa para recuperar a xustiza universal, suprimida polo anterior Goberno, do PP.
No acto aludiron ao caso do xornalista Pablo González, "preso e incomunicado en Polonia desde 2022", tras o inicio da invasión de Ucraína por parte de Rusia, e afeou que permaneza "recluído en réxime de illamento" e que non contase con asesoramento legal de "oficio ata 16 días" despois da súa detención.