Publicador de contidos
Publicador de contidos

Festa en Abegondo para saír do posto de 'play-out' (4-1)

Festa en Abegondo para saír do posto de 'play-out' (4-1)

Dous goles de Kevin, un de Vilán e outro de Nájera sentenciaron axiña o encontro

Con este resultado, escapa dos postos perigosos á custa do Vilalbés

G24.gal 11/02/2024 17:13 Última actualización 11/02/2024 19:06

O Fabril encarrilou a vitoria na primeira e sentenciouna na segunda. Un festín de goles para poder gañar aire na loita pola permanencia na 2.ª RFEF.

Kevin Sánchez, con dous goles, foi o gran protagonista do Fabril-Covadonga. Os da canteira deportivista necesitaban unha vitoria para saír dos postos de promoción de descenso. E así foi. Axiña comezou a ledicia no cadro branquiazul. Balón a o espazo que rompe liñas para que Kevin se plante diante do de Buru e defina con calidade ao lado esquerdo da portería visitante. Non parou aí o Fabril, claro dominador do encontro. Brais Val, tras unha boa xogada, recortou na área e armou a perna. O lanzamento foi detido por Buru, que despexou a córner. Pouco despois, Nájera saíu dunha lea con calidade e foi capaz de filtrar un gran balón a Kevin. O dianteiro viuse outra vez diante de Buru e esta vez superouno cunha vaselina. O Covadonga non estaba a causar moito perigo salvo unha secuencia de córners. Tentouno cunha boa falta desde a frontal que lanzou Lucas Suárez e foi ás mans de Brais. Con esta ocasión fóronse animando os asturianos. Pouco despois, tras unha saída do propio Brais, caeulle o balón a Tabanco, que cargou a perna desde a frontal pero lanzou moi alto. A máis clara tívoa Asier, que enganchou unha volea desde a frontal e obrigou a Brais a voar para deter o disparo abaixo.

O segundo tempo comezou cunha xogada embarullada na área do Deportivo Fabril. O balón quedou morto e a defensa tivo que sacalo baixo os paus. Pero o Fabril non deu opción aos asturianos. Avisaron os da canteira por medio de Kevin, que deixaba o balón atrás pero a defensa, providencial, desbarataba a xogada. Pouco despois, unha xogada entre Vilán e Nájera acababa co balón morto na área, e aproveitaba o propio Vilán para facer o 3-0. Non deu tregua o Fabril. Roubou alto, o balón chegoulle a Nájera, caneou co calcaño e disparou para facer o 4-0. Sentenciaba así o Fabril. O Covadonga puxo o gol da honra por medio de Vicente nos derradeiros minutos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar