Festival do Celta Fortuna en Balaídos
Festival do Celta Fortuna en Balaídos
Os celestes arrasan o Raio Majadahonda e poden pensar na segunda praza (3-0)
Gran partido dos de Fredi Álvarez o deste sábado en Balaídos, que se resolveu cun resultado de 3-0 ao seu favor e un xogo completamente dominador. Partindo como locais mandaron en todo momento no encontro e conseguiron tres puntos que lle permiten poder imaxinarse asaltando a segunda praza.
A primeira parte do Celta Fortuna foi demoledora e practicamente non deixou opción ao Raio Majadahonda. O primeiro gol chegou da man de Pablo Durán tras unha moi boa transición ofensiva levada ata a banda dereita para que un centro con música chegara ao dominio do nove celeste e adiantara aos locais. O segundo gol viría dunha maneira moi distinta, balón en longo dende a zaga celeste o cal gañaría Alfon e definiría raso e axustado ao pau esquerdo da meta riva. Por último, o terceiro e o máis combinativo dos goles celestes chegaría coa sinatura de Raúl Blanco. Xogada levada dun lado ao outro que tras unha boa triangulación deixa o xogador celeste diante da área e cunha gran finta queda só para definir coa esquerda onde non chegou o meta visitante.
O segundo tempo comezaría cun Celta Fortuna que baixaría levemente o pé do acelerador. O filial celtiña mantiña o resultado controlando o xogo e movendo o balón de lado a lado, sen sufrir unha gran presión por parte do conxunto madrileño. Así comezaría e así remataría, habería varias chegadas celestes que non acadarían remate pero o ritmo do partido descendeu fortemente e ningún dos equipos fixo máis por mover o marcador.