Publicador de contidos
Publicador de contidos

Filipe VI admite "o custo persoal" de guiar o seu reinado con "coherencia e integridade"

Filipe VI admite "o custo persoal" de guiar o seu reinado con "coherencia e integridade"

Os reis e as súas fillas saen por primeira vez ao balcón principal do Palacio Real nos actos de celebración do décimo aniversario do reinado de don Filipe

O xefe do Estado condecorou 19 cidadáns por contribuiren a “construír un país mellor”, entre eles, o director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense

O lema da conmemoración: "Servizo, compromiso e deber"

Filipe VI prometía hai dez anos nas Cortes "unha monarquía renovada para un tempo novo"

A princesa de Asturias, o rei Filipe VI, a raíña Letizia, e a infanta Sofía saúdan desde o balcón do Palacio Real (EFE / Ballesteros)
G24.gal 19/06/2024 08:25 Última actualización 19/06/2024 20:10

Filipe VI asegurou este mércores que “a coherencia e a integridade”, xunto á Constitución, foron os principios que guiaron a súas decisións e actos nos seus primeiros dez anos de reinado e que sempre tratou de actuar de maneira "íntegra e exemplar", “asumindo incluso o custo persoal que iso poida implicar”.

No seu discurso no Palacio Real de Madrid con motivo do décimo aniversario da súa proclamación, o xefe do Estado subliñou que cumpriu en todo momento o seu compromiso coa Constitución -"á que me cinguín e me cinguirei sempre"- cos valores que sustentan a convivencia democrática e con “os principios éticos e morais que se consideran universais”.

“Sempre crin na importancia de ser coherente cos compromisos asumidos. Esta actitude é a base da integridade e implica ser fieis aos nosos principios e valores en todas as nosas decisións e actos”, remarcou nas súas palabras no Salón de Columnas ante os poderes do Estado, entre eles, o xefe do Goberno, Pedro Sánchez, e os 19 cidadáns anónimos condecorados coa Orde do Mérito Civil.

O desempeño da súa tarefa implicou, segundo o monarca, “esforzarse en escoitar, en discernir o que é correcto do que non o é e en actuar de forma responsable con ese discernimento, asumindo incluso o custo persoal que iso pode implicar”, en alusión ás difíciles medidas que tivo que adoptar sobre o seu pai, Xoán Carlos I, e a súa irmá, a infanta Cristina.

Para don Filipe, a “coherencia e integridade son os criterios sobre os que deben basearse sempre os actos da Coroa”, que contribúe así “á estabilidade do sistema institucional e á cohesión da sociedade”.

Abundou en que á Constitución e aos seus valores se axustou nesta década porque son “guía” para o exercicio das súas funcións.

“Foi e é o compromiso dun rei constitucional que transcende a esixencia do deber. O é tamén no plano persoal e oral, como expresión profunda do meu respecto e lealdade ao pobo español, ao que me debo. Hoxe reafírmome con entusiasmo e determinación naquel compromiso que permeou cada xesto e cada palabra na década transcorrida”, salientou.

Ao facer balance do seu compromiso “firme de total entrega a España”, o rei considerou que dez anos non é un período extenso, pero si suficiente en termos “constitucionais, institucionais e persoais”.

O apoio da raíña e das fillas

Filipe VI valorou contar nestes dez anos con “o grande apoio” da raíña Letizia, de quen eloxiou a súa “vontade, dedicación e sensibilidade”. A súa actividade institucional -agregou- contribuíu “enormemente a dar visibilidade e atención ás necesidades das persoas, especialmente as máis vulnerables”.

Tamén se referiu ás súas fillas, de quen destacou que xunto aos mozos da súa xeración empezasen a “vivir e comprender con necesario espírito crítico e afán de aprendizaxe as realidades da vida colectiva e as complexas dinámicas do mundo” coa súa formación na Academia Militar de Zaragoza, no caso da princesa, e no internado de Gales onde a infanta estuda bacharelato.

Na súa mensaxe referiuse ao lema escollido persoalmente por el para conmemorar o décimo aniversario da proclamación: ‘Servizo, compromiso e deber’. “Foron os piares do meu desempeño como rei (…) Son elementos inseparables dun todo, actúan en equilibrio e refórzanse entre si, e articulan o exercicio das miñas responsabilidades en defensa dos intereses xerais de España”, xustificou.

Do servizo, o monarca apuntou que é un principio que “se impregna dos intereses, inquietudes e aspiracións de todos os españois”. E do deber, porque é de onde “emerxe a vontade de actuar sempre do modo máis correcto e de cumprir as obrigacións de maneira íntegra e exemplar”.

Filipe VI dixo sentirse “orgulloso” da sociedade española e confiou en avanzar para conseguir unha sociedade “máis libre, máis responsable, máis diversa e máis tolerante”. Tamén unha sociedade máis unida, forte e cohesionada para facer fronte a calquera desafío. “Sobre esa base seguirei adiante coas miñas obrigacións inherentes á Xefatura do Estado”, prometeu.

19 cidadáns condecorados coa Orde do Mérito Civil

Por cuarta vez, o rei condecorou 19 cidadáns de todas as comunidades autónomas, Ceuta e Melilla por contribuíren, de maneira anónima, a “construír un país mellor” co seu esforzo, traballo e actitude. Persoas que “sen importar a súa orixe, condición ou profesión”, son, ao entender do rei, “actores protagonistas do ben común, tecendo a fibra social con esforzo, ética e humanidade”.

“A Coroa débese á sociedade e por iso, hoxe sodes vós os protagonistas (…) Promovedes as mellores virtudes cívicas que reverten en beneficio do conxunto da sociedade e reforzan a nosa convivencia democrática. Sodes necesarios, sodes importantes (...) grazas por proxectardes esperanza, grazas devolvernos o optimismo, grazas por serdes exemplares”, enxalzou o rei.

Son a mostra, rematou, de que “hai millóns de españois que traballan con esforzo para ser mellores e facernos mellores”. 

Os homenaxeados son 9 mulleres e 10 homes de idades entre os 35 e os 89 anos, que representan ás 17 comunidades autónomas e as dúas cidades autónomas.

Recoñeceuse a profesionais da educación, cultura, sanidade, voluntariado, enxeñería, sustentabilidade, agricultura, gandería ou do sector turístico.

A persoa máis nova (35 anos) en recibir a distinción foi Francisco Bárcenas Gertrudix, natural de Valdepeñas (Cidade Real) onde dirixe unha empresa dedicada ao deseño, fabricación e comercialización de fresadoras CNC, láser CO2 e impresoras 3D.

Pola contra, o cidadán maior en recibir a encomenda foi, con 89 anos, Fernando Reinares Hernáiz (A Rioxa), presidente da Cruz Vermella nesta comunidade durante vinte anos e actualmente voluntario da entidade. Entre os seus proxectos máis relevantes, destaca a culminación do Centro de Refuxiados da Rioxa.

A parte solidaria tamén se recoñeceu no Pai Vicente Berenguer Llopis, de Valencia, que nos seus 50 anos de labor en Mozambique promoveu a escolarización de máis de 60.000 nenos nese país.

Así mesmo, condecorouse o traballo pola integración da poboación musulmá de Melilla de Felisa Padilla Muñoz.

A Orde do Mérito Civil máis musical recibiuna o director da Real Banda de Gaitas de Ourense, Xosé Lois Foxo Rivas (Romeor, Folgoso do Courel, 1950), que desde Galicia leva décadas fomentando e ensinando a miles de mozos este instrumento tradicional.

O ceutí Abdelkader Chaib Haddu foi recoñecido polo seu esforzo pola convivencia e integración dos mozos a través do teatro, a poesía ou a música.

O asesoramento para preservar a biodiversidade do Mar Menor do biólogo mariño Anxo Pérez Ruzafa serviulle para ser o elixido pola Rexión de Murcia.

Tamén se destacou o labor de Arantxa Meca Santo Martín, unha navarra que imparte clases de judo ao alumnado de educación especial e especialista en defensa persoal para a muller.

No ámbito educativo, condecorouse ao canario Calixto Herrera Rodríguez, psicopedagogo na Consellería de Educación do Goberno de Canarias e con 40 anos de servizo docente.

E ao cántabro Alejandro Gallego Cuevas, ás portas a súa xubilación como xefe de servizo de centros na Consellería de Educación.

Recoñeceuse a loita contra trata de Rocío Moura Nieto, que desde Madrid se dedica a atender ás necesidades non cubertas das mulleres explotadas sexualmente e ser ponte entre elas e os servizos públicos.

Representando ao mundo sanitario, a neuróloga de Castela e León María Esther Cubo Delgado, recibiu a condecoración polas súas achegas no estudo da enfermidade de Huntington, unha enfermidade rara que afecta a entre 5 e 7 persoas de cada 100.000.

A axuda a mozas con diabetes de Gemma Salvador Castell serviulle a esta nutricionista catalá para recibir a Orde do Mérito Civil.

A aragonesa María José Arbués Gracia recibiu a Orde polo seu traballo no Museo de Huesca, onde logrou recompoñer totalmente 70 pezas e restaurar unha "innumerable" cantidade de fragmentos.

Por parte de Asturias, destacouse o emprendemento de Tamara Fernández Fernández, que fundou unha compañía que ofrece servizos industriais a empresas.

O sector agrícola está representado por Isabel María Vicens Gelabert, que dirixe a empresa hortofrutícola máis grande das Illas Baleares e a maior produtora de Tomate de Ramellet do mundo.

José Luis Quiñones Plaza foi recoñecido polo seu proxecto de turismo astronómico no corazón da dehesa estremeña.

O veterinario vasco Esteban Arostegui Tolivar foi condecorado pola súa actividade profesional con cabalos, así como a súa contribución ao Servizo de Cría Cabalar das Forzas Armadas.

Por parte de Andalucía, destacouse o traballo da enxeñeira Elisabet Suárez Vargas, especialista en construción sostible. 

A familia real presenciou o acto militar no balcón principal do Salón do Trono

Os reis, a princesa Leonor e a infanta Sofía posaron este mércores no balcón principal do Palacio Real, o situado no Salón do Trono, unha escena inédita ata o de agora, desde onde presenciaron o desenvolvemento da substitución solemne da Garda Real, que foi o primeiro dos actos para festexar o décimo aniversario da proclamación.

Se hai unha década a familia real se asomou ao balcón que dá á praza de Oriente, en fronte do Teatro Real, nesta ocasión fixérono no miradoiro que dá ao patio da Armería e á catedral da Almudena ante as unidades formadas da Garda Real, os tres Exércitos e a Garda Civil.

O balcón principal adornouse cun baldaquino branco e un reposteiro co escudo de España e nas ventás laterais, luciron outros máis pequenos cos emblemas das comunidades autónomas.

Don Filipe, dona Letizia e as súas fillas saudaron coa man o milleiro de cidadáns que seguiron o acto nunha bancada e en cadeiras instaladas na Armería e que os ovacionaron ao facer aparición no balcón.

A diferenza de hai dez anos, cando Leonor de Borbón tiña oito anos e a súa irmá, sete, faltaron á imaxe os reis Xoán Carlos e Sofía, ausentes dos actos previstos hoxe para conmemorar o décimo aniversario do reinado do seu fillo.

Ao poñerse o foco en Filipe VI, a Casa do Rei non considerou xustificada a presenza dos eméritos, como tampouco estiveron nos actos de xura da Constitución da princesa de Asturias o pasado 31 de outubro.

En comparación con outras casas reais europeas, ver a familia real no balcón do Palacio Real é unha imaxe moi pouco habitual.

Ademais do día da proclamación, don Filipe e dona Letizia apareceron xuntos na balconada que dá á praza de Oriente unha década antes, no día da súa voda, o 22 de maio de 2004, cando recibiron a ovación dos cidadáns acompañados polos reis Xoán Carlos e Sofía e os pais da entón princesa, Jesús Ortiz e Paloma Rocasolano.

No caso do miradoiro que dá ao patio da Armería, existe o precedente do 2 de novembro de 1982, cando don Xoán Carlos e dona Sofía, xunto ao príncipe e as infantas Helena e Cristina, estiveron nel co papa Xoán Paulo II, quen dirixiu unhas palabras ás persoas presentes na praza durante a súa visita a Madrid.

A substitución da Garda Real foi o primeiro dos actos previstos no Palacio Real durante a xornada no que participan os reis para festexar o décimo aniversario da proclamación, co lema “Servizo, compromiso e deber” escollido polo monarca.

Este cerimonial, que imita o que se executaba a diario en tempos de Afonso XII e Afonso XIII, faise habitualmente os primeiros mércores de cada mes na Armería coa participación só da Garda Real.

A novidade de hoxe foi o paso da Patrulla Águila, deixando o ronsel das cores da bandeira nacional, e que a garda entrante compuxérona unidades dos tres Exércitos e da Garda Civil, que se quixeron sumar deste xeito á homenaxe a Filipe VI.

Izado da bandeira

A bandeira de España da praza madrileña de Colón izouse este mércores de forma solemne no primeiro dos actos previstos este 19 de xuño en Madrid para conmemorar o décimo aniversario da proclamación do rei Filipe VI.

O acto estivo copresidido polo presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), Vicente Guilarte, e polo presidente do Tribunal Supremo, Francisco Marín, acompañados polo Xefe de Estado Maior da Defensa, o almirante xeral Teodoro Esteban López Calderón.

Celebrouse nos Xardíns do Descubrimento, situados na céntrica praza madrileña de Colón, onde foi izada de forma solemne a bandeira de 300 metros cadrados no mastro de 50 metros de altura.

De forma previa ao izado, Guilarte, Marín e López Calderón pasaron revista a catro secciones, de 27 membros cada unha, pertencentes ao Exército de Terra, á Armada, ao exército do Aire e do Espazo e á Garda Civil, que desfilaron ao redor dos Xardíns do Descubrimento.

Entre os asistentes estiveron o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, vogais do CXPX e maxistrados do Tribunal Supremo, ademais de autoridades militares e da Garda Civil.

O izado da bandeira en Colón realízase de forma ordinaria unha vez ao mes, pero só en catro ocasiones ao ano faise de forma solemne: o 15 de maio por ser San Isidro Labrador, patrón de Madrid; o 19 de xuño, pola proclamación do rei; o 12 de xullo, pola constitución do Tribunal Constitucional, e o 6 de decembro, polo día da Constitución.

Acto de izado de bandeira polo décimo aniversario do reinado de Filipe VI este mércores nos Xardíns do Descubrimento da praza de Colón de Madrid (EFE / Zipi) Acto de izado de bandeira polo décimo aniversario do reinado de Filipe VI este mércores nos Xardíns do Descubrimento da praza de Colón de Madrid (EFE / Zipi)

O lema "Servizo, compromiso e deber"

"Servizo, compromiso e deber" é o lema elixido persoalmente por Filipe VI para conmemorar o décimo aniversario do seu reinado, acompañado por un emblema que integra o seu escudo de armas; ambos estarán vixentes durante un ano, o período no que a Casa do Rei vai prolongar a celebración con máis actos.

As tres palabras escollidas polo xefe do Estado, encabezadas polo rótulo "X Aniversario", pretenden sintetizar o que foi a liña de actuación do monarca desde que relevou a Xoán Carlos I no trono hai dez anos.

É a primeira ocasión na que don Filipe recorre a unha lenda para ilustrar un aniversario da súa traxectoria á fronte da Coroa.

O deseño do emblema que deu a coñecer a Casa do Rei integra nun lateral o escudo de armas de Filipe VI, aínda que non completo, e a lenda máis centrada.

A composición elaborouse en tres versións: unha con letra branca con fondo de cor carmesí, o do estandarte do rei, e dous en branco e negro, unha co guión tamén vermello semente, e o terceiro con fondo branco.

A tipografía utilizada para o lema e o encabezamento é a “Ibarra”, en caixa alta (maiúsculas), e en caixa baixa (minúsculas).

Por ser a primeira década de reinado, a conmemoración vaise desenvolver durante un ano, en que se pretenden organizar actos e visitas a cidades e municipios pequenos co fin de “achegar os reis ao pobo”, segundo as fontes.

O presidente do Goberno e o líder da oposición felicitan o rei

O presidente do Goberno Pedro Sánchez felicitou este mércores a Filipe VI, no día en que se fan dez anos da súa proclamación como rei de España, por servir con "exemplaridade, lealdade e transparencia" os españois.

Sánchez foi un dos primeiros políticos en felicitar o xefe do Estado na rede social X, onde escribiu a seguinte mensaxe: "Hoxe fai dez anos da proclamación de S. M. Filipe VI. Parabéns por esta primeira década representando e servindo a España con exemplaridade, lealdade e transparencia".

Tamén o líder do PP Alberto Núñez Feijóo deu parabéns a Filipe VI á primeira hora, cunha mensaxe que publicou na mesma rede social.

"Quero felicitar a S. M. o rei no aniversario da súa proclamación. Durante estes dez anos, Filipe VI foi o español que máis cumpriu co seu deber, e a monarquía, a institución que máis estabilidade achegou ao noso país", escribiu.

No mesmo sentido se pronunciou o portavoz do seu partido, Borja Sémper, ao afirmar que foron "dez anos frutíferos para a monarquía constitucional e a estabilidade do país" e subliñar que o rei "estivo á altura dos españois".

"Moi bo" e "correcto", responderon, respectivamente, o ministro de Presidencia Félix Bolaños e o portavoz do PSOE no Congreso Patxi López, cando lles pediron un balance sobre o reinado de Felipe VI, mentres que Mertxe Aizpurua (Bildu) contestou: "Ben, xa veremos".

O portavoz de ERC Gabriel Rufián considerou un acerto do rei que fixese ver que "é diferente ao seu pai" Xoán Carlos e un erro que siga "perpetuando unha institución que forma parte de corruptelas moi importantes neste país".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade