Folga no sector da conserva para reclamar un convenio digno
Folga no sector da conserva para reclamar un convenio digno
Os sindicatos solicitaron que os soldos inclúan unha cláusula de revisión salarial vinculada ao IPC
Paro no sector da conserva. Este venres é o primeiro dos tres días de folga con que queren esixir un convenio digno.
É a primeira folga en decenios no sector español da transformación de peixes e mariscos, e a razón que a motiva é a discrepancia entre a patronal Feicopesca (en que está integrada Anfaco) e os sindicatos na negociación do convenio estatal, que comezou hai un ano e afecta os exercicios entre o 2021 e o 2024.
Os sindicatos solicitaron que os soldos inclúan unha cláusula de revisión salarial vinculada ao IPC, e, segundo fontes de Comisións Obreiras, outra demanda refírese a igualar os grupos 5 e 6 deste sector, que acabaría coa «discriminación» entre homes e mulleres, porque as traballadoras están na categoría de condicións inferiores.
Ás 10:00 da mañá hai convocada unha mobilización diante do edificio da Xunta, en Vigo. Ás 11:00 horas haberá outra concentración na Praza de Galicia de Vilagarcía de Arousa e ás 12:00 horas fronte ao Concello de Boiro.