Publicador de contidos
Publicador de contidos

Francia, a dez días dos comicios máis transcendentes da súa historia recente

Francia, a dez días dos comicios máis transcendentes da súa historia recente

O adianto das lexislativas, unha aposta arriscada de Macron

Podería quedar sen maioría na Asemblea e cohabitar cun primeiro ministro da ultradereita

Antón Montero 20/06/2024 19:48 Última actualización 20/06/2024 21:14

A dez días de que se celebre a primeira volta das eleccións lexislativas francesas, os tres principais contendentes explicaron o seu programa económico.

O favorito, o ultradereitista Jordan Bardella, presentouse aos empresarios como a alternativa razoable. A súa receita: a orde, en todos os aspectos. "As miñas ambicións son moi simples: restaurar a orde no país, a orde nas rúas e a orde nas contas públicas", dixo Bardella. 

O seu principal rival é a Nova Fronte Popular, a coalición dos partidos de esquerda, que prometeu unha masiva suba dos salarios e máis impostos aos ricos.

Un dos seus candidatos, Boris Vallaud, pedía: "Levantade as vosas mans, millonarios, e desculpareime en persoa polos esforzos que vos imos pedir en solidariedade e patriotismo económico".

As enquisas colocan o partido de Emmanuel Macron en terceiro lugar: o actual primeiro ministro alentaba o voto do medo ante dúas alternativas que, en opinión de Gabriel Attal, conducen ao desemprego masivo. "Non corramos o risco de saltar ao baleiro sen paracaídas", dixo Attal.

Son uns comicios que ninguén esperaba. Emmanuel Macron convocounos por sorpresa tras a vitoria da extrema dereita nas eleccións europeas.

Polo momento, as sondaxes non avalan a súa aposta: todas apuntan a que perderá a súa actual maioría na Asemblea da República e que se verá obrigado a cohabitar ata 2027 cun primeiro ministro dunha formación rival.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade