Francisco Bello: "Queremos que os produtos que entran en Europa cumpran coas mesmas condicións"
Francisco Bello: "Queremos que os produtos que entran en Europa cumpran coas mesmas condicións"
O presidente da Asociación Agraria Galega considera que a PAC perdeu o obxectivo de "dar de comer á poboación" e está "sometida a lobbies ambientalistas"
Confirma que as organizacións agrarias preparan mobilizacións, que no caso galego serán despois da cita electoral
Nega que exista competencia desleal dentro da UE e atribúe as protestas de Francia a próximos acordos con países do hemisferio sur
As organizacións agrarias españolas preparan mobilizacións para protestar contra a política agraria común da Unión Europea, que, consideran, prexudica os seus intereses. Dentro delas, as asociacións galegas tamén anuncian que protestarán, pero unha vez pasen as eleccións autonómicas do 18 de febreiro.
O presidente da Asociación Agraria de Galicia (ASAGA), Francisco Bello, falou esta mañá no Galicia por diante da Radio Galega da situación do sector, convulso durante estes días con mobilizacións en Francia e noutros países europeos.
Di Bello: "Xa hai tempo que vimos denunciando, dende que se aprobou esta PAC, que foi tremendamente inxusta contra os intereses galegos e de todos os agricultores e gandeiros de Europa".
Asegura o presidente da ASAGA que "esta normativa pon moitísimos máis condicionantes medioambientais e de todo tipo e reduce os fondos que veñen destinados a sufragar os traballos e as condicións que nos poñen".
Afirma o representante da organización agraria que "chove sobre mollado" e lembra: "Mobilizacións en España xa has houbo, vai seguir habendo, hainas en países de Europa como estamos vendo e probablemente non vai parar aínda".
Considera que "o problema é que a comisión burocrática de Bruxelas está dominada por lobbies medioambientais e ecoloxistas que marcan a axenda do que se debe facer en Europa, a transición ecolóxica, o que debemos comer e o que non debemos comer".
Asegura que "o campo di que xa está ben, que isto non pode seguir así, e tratamos de convencer os gobernos e sobre todo a Unión Europea de que a situación é gravísima. A soberanía alimentaria da Unión Europea está en risco porque moitos produtos que se introducen en Europa dende países terceiros non cumpren as condicións que temos que cumprir os países europeos".
Os agricultores e gandeiros propuxeron un paquete de medidas e agardan unha reunión "en breve" co ministro de Agricultura. Asegura Francisco Bello que "mantemos contacto coas administracións, tamén en Europa, coas organizacións agrarias profesionais, e saben as nosas peticións".
Entre as negociacións que cren que os van prexudicar máis están "temas puntuais como acordos co Mercosur, a punto de confirmar, logo dunha longa negociación" e tamén a invasión de produtos do sur de África e tamén do norte de África, de Marrocos, que chegan cunhas condicións que para nada cumpren o que se lles pide a eles.
Por iso, as organizacións agrarias piden que "se hai unhas condicións en Europa, que se cumpran en todos os produtos que entran en Europa, igual que nos fan cumprir a nós cando exportamos, por exemplo, aos Estados Unidos. Pedimos reciprocidade".
"Outras das peticións, como negociar os custos de produción, seguen sen arranxarse, porque a guerra de Ucraína segue, os custos derivados seguen, e os custos enerxéticos, ao que hai que sumar os problemas de transición ecolóxica", di Bello. Considera que "o ministerio máis recalcitrante que temos neste tema é o de Transición Ecolóxica, que nos pon trabas todos os días, á agricultura, á gandería e tamén no tema das emisións".
Cre que se pretende "facer un mercadeo de emisións". "Se pechamos as explotacións, outros lobbies poden comprar e vender emisións". Insiste en que a Política Agraria Común está feita "de costas ao sector agrario, só pensando en lobbies ambientalistas e cuns condicionantes que para nada benefician o desenvolvemento da actividade agraria, que dá de comer á poboación".
Con respecto ás mobilizacións que decidirán este xoves as tres principais organizacións agrarias de España: "Iremos decidindo sobre a marcha. É un tema de futuro. Está en risco a continuidade agrícola e gandeira europea tal e como a coñecemos. Cada día que pasa pechan explotacións, desaparece terreo produtivo, e o campo queda abandonado e despoboado". Di que as organizacións agrarias (ASAJA, COAG e UPA) seguirán firmes ata o final.
Como exemplo do que os prexudican as políticas agrarias europeas, Francisco Bello explica que "se unha granxa que tiña trinta mil polos só vai poder ter once mil, imaxine o prezo do polo, porque os custos das instalacións vanse manter igual. Isto é un exemplo do que está a pasar".
Fala tamén dos produtos fitosanitarios que se poden utilizar en Europa: "Na Unión Europea é onde hai máis restricións, e en España concretamente como máximo están autorizadas 30 materias activas, mentres que en Francia hai 80 autorizadas, que non sei por que se queixan de competencia desleal".
Di Bello que "queremos ter as mesmas ferramentas e que teñan que cumprir todos os países terceiros dos que importamos produtos que nos fan competencia desleal. Está en risco a soberanía alimentaria".
Lembra o presidente de ASAGA que "a Política Agraria Común xurdiu en Europa despois de dúas guerras mundiais, en 1957, para que non se volvese pasar fame. Déronse axudas aos agricultores para que producisen alimentos sans e en cantidade suficiente para abastecer a poboación".
Porén, di: "Levamos tres períodos da PAC que veñen sendo o contrario. Dá igual o que produzas, porque pagan por deixar terreos abandonados, por un montón de cousas que non son producir, mesmo restrinxen as condicións case imposibles de cumprir e levan ao peche de explotacións. Non podemos toleralo", recalca.
Sobre se dentro da UE hai competencia desleal, Francisco Bello cre que "en absoluto" a hai, e, en todo caso, dos grandes -Alemaña e Francia- contra os menos importantes no aspecto político. "A UE ten unha política común igual para todos. Despois pode haber pequenas diferenzas no nivel de aplicacións prácticas".
Enmarca as afirmacións do primeiro ministro francés Gabriel Attal, que falaba de competencia desleal dos países do sur de Europa, como consumo interno para o seu propio país, que ten os seus propios problemas e ao que lle afectarán moito máis as negociacións co Mercosur, con Australia ou Nova Zelandia.
"Estas negociacións da Unión Europea con terceiros países farían entrar carne, leite, produtos que lle afectarían bastante a Francia, e é normal que o seu presidente defenda. Xa me gustaría que o noso presidente do Goberno saíse na nosa defensa tamén. Aínda non lle oín nada", conclúe.