Publicador de contidos
Publicador de contidos

Francisco Conde pide un estudo sobre a posibilidade de reverter o peche das Pontes

Francisco Conde pide un estudo sobre a posibilidade de reverter o peche das Pontes

G24.gal 31/10/2021 11:14

Despois das novas mobilizacións dos traballadores de Alcoa e tras a sentenza do Supremo que anulou o ERE, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, volve esixirlles ao Goberno central e á dirección que retomen as negociacións e que fixen os criterios para a venda da factoría. Reclama ademais unha análise rigorosa sobre a posibilidade de reverter o peche da central térmica das Pontes.

Nunha entrevista na Radio Galega, o conselleiro de Economía e Industria admitiu que resulta difícil explicar a reactivación da central das Pontes, que está en proceso de peche desde 2019 e que acaba de recibir 20.000 toneladas de carbón porque este inverno pode ser necesario debido á crise enerxética mundial.

"E se iso é así estariamos nun contexto onde si habería que propoñer a reversión desa decisión de peche da planta, pero correspóndelle ao ministerio e ao CNMC (Comisión Nacional de Mercados e Competencia) adoptar esa decisión, pero nós solicitamos e reclamamos que haxa unha análise seria e rigorosa para garantir a seguridade da subministración, que dende logo a reactivación da planta o pon nunha dúbida razoable", afirma Francisco Conde, conselleiro de Economía e Facenda.

Ademais da crise enerxética, na consellería preocupan problemas de abastecemento que lastran o sector industrial e o da construción. Primeiro foron as máquinas e os equipos tecnolóxicos da China, despois os provedores asiáticos de microchips e agora os alimentos.

"Temos que adoptar medidas, tanto desde o punto de vista loxístico coma de acceso aos mercados das nosas empresas. É certo que é unha situación sobrevida a nivel internacional pero estamos en contacto con todos os sectores para ver como podemos acompañalos", asegura Conde.


 

 





 


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar