Publicador de contidos
Publicador de contidos

Gabri Veiga toma a remuda de Iago Aspas como heroe do celtismo

Gabri Veiga toma a remuda de Iago Aspas como heroe do celtismo

Marcou os dous goles que valeron a salvación do Celta

Deixou o campo entre bágoas e o aplauso do público

G24.gal 05/06/2023 15:39 Última actualización 05/06/2023 16:57

Iago Aspas non estaba onte para poñerse a tirar do carro, pero o Celta ten unha mina na canteira, un 'potosí' do que sempre agroman diamantes.

Onte foi Gabri Veiga. Coñecedor de que ningún mar tranquilo serve para facer a un mariñeiro máis experto, o porriñés colleu o sacho na treboada e labrou na heroica celeste.

Estaba para todos os arrimos a Ter Stegen, uns máis solventes ca outros, pero todos coa mirada entre os tres paus para buscar a rede. Topouna a dous minutos do descanso: agulla e fío para coser un balón que lle aporta Seferovic con sentido práctico. Balón no pé e carreira; chave de paso entre Christensen e Marcos Alonso rasando o esférico polos baixos dun Ter Stegen incapaz de chegar á traxectoria cruzada.

Gabri Veiga: "Isto é máis que un soño. É o mellor día da miña vida e estou moi feliz".

Balaídos colle azos para o segundo tempo baixando unha migalla as pulsacións mentres o Barça pon no campo artillería para parar un tren. O convoi celeste no que Veiga vai de maquinista e Aspas apuxa ao pé da vía. O xogo celeste descarga á dereita e Veiga colle o coiro para el no bico da área. Seferovic no pau de atrás e o porriñés tómao como punto de referencia. Larga o balón e a traxectoria vístese de azul celeste para ir rebolando e rebolando até afociñar na rede sen opcións para o substituto de Ter Stegen. Golazo quer vale unha permanencia e que converte a Veiga nun heroe mentres a bancada fai unha emenda á propiedade lembrando a berros que o modelo de negocio non pode seguir petando a conta de resultados mentres se descapitaliza de fútbol.

Veiga ao banquiño e o Barça poñendo emoción final ao resultado con gol de Ansu Fati rematando por dentro da defensa un balón pendurado de Dembelé. Pulsacións aceleradas do celtismo até os seis minutos de desconto que rematou en bágoas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar