Galicia acollerá 400 dos inmigrantes chegados ás Canarias
Galicia acollerá 400 dos inmigrantes chegados ás Canarias
Instalaranse en Sanxenxo 350, e o resto en Vigo, A Coruña e Sobrado dos Monxes
Alfonso Rueda: "Somos un pobo acolledor, pero precisamos información"
A Delegación do Goberno di que "por motivos humanitarios" é unha situación que "non se pode organizar con tempo"
O Goberno aloxará en Galicia 400 dos inmigrantes irregulares chegados nos últimos días ás Illas Canarias. Trescentas cincuenta destas persoas irán a Sanxenxo e o resto, a Vigo, A Coruña e Sobrado dos Monxes. Algúns destes inmigrantes xa están en Galicia desde a semana pasada.
Está previsto que o traslado aos seus aloxamentos definitivos se produza en dúas quendas: a primeira o vindeiro mércores e a segunda, unha semana despois.
O delegado do Goberno en Galicia Pedro Blanco telefonou o martes ao presidente da Xunta Alfonso Rueda para comunicarlle esta decisión co obxectivo de "coordinar con éxito" a crise humanitaria dos migrantes que chegan ás illas.
A Xunta lamenta que o Goberno non a informase antes da operación e di que isto pode dificultar a organización do operativo. O Goberno galego mandoulle unha carta ao Executivo en funcións en que lle solicita máis información sobre a data concreta da chegada de cada grupo de inmigrantes, o estado de saúde en que se atopan por se precisan atención médica e a idade, por se é necesaria a súa escolarización, entre outros asuntos.
A Xunta insiste na necesidade de contar cunha previsión de chegada co fin de organizar os dispositivos de acollida coas "máximas garantías".
O delegado do Goberno, en declaracións aos medios, mostrouse disposto a "dar toda a información segundo vaia chegando", tal e como se fai "inmediatamente". Con todo, advertiu que esta situación "non se pode organizar con tempo", "desgraciada e fundamentalmente por motivos humanitarios".
"Por tanto, absoluta transparencia, plena disposición para calquera aclaración, que se irá facendo sobre a marcha. Todo isto, como poden entender, non é algo que estea organizado con moito tempo", explicou.
O delegado do Goberno asegura que tamén se puxo en contacto cos concellos que van acoller estas persoas, entre eles, o de Sanxenxo, con Telmo Martín, tal e como confirma o consistorio a Europa Press.
Fontes da Delegación do Goberno explican que esta situación está "en momentos de máxima tensión", con "picos" de chegadas de persoas ás illas, polo que se fai "necesario realizar derivacións" cara á península. As mesmas fontes sinalan que estes traslados a Galicia e a outras partes de España se fan "de forma puntual, ordenada, segura e legal dentro do sistema de acollida".
Será a Administración do Estado a que se fará cargo de todos os custos: cubrirase o seu aloxamento, manutención e asistencia sanitaria básica. A chegada dos migrantes xestionarase a través de entidades do terceiro sector, é dicir, organizacións sen ánimo de lucro, con parámetros "de equidade e eficacia".
Pedro Blanco asegura que Galicia "volverá demostrar que é unha comunidade solidaria", como evidenciou noutras crises derivadas dos conflitos en Siria, Ucraína ou Afganistán.
Sanxenxo critica o "escurantismo" do Goberno e Sobrado di que "aínda non teñen confirmación"
O Concello de Sanxenxo criticou o "escurantismo" do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Inmigración sobre o traslado de 350 inmigrantes para aloxarse nos hoteis de localidade e o Concello de Sobrado dos Monxes detallou que "aínda non teñen" unha confirmación de que vaian ser aloxados na súa localidade.
O Concello de Sanxenxo, explica, nun comunicado, que hai uns días chegáronlle "os primeiros rumores" da intención do Ministerio de trasladar inmigrantes a hoteis de Sanxenxo e que na xornada do mércores o delegado do Goberno confirmou ao alcalde, vía telefónica, o aloxo desas persoas.
Así, detallou que 175 chegarán o día 1 e o resto o 8 de novembro, pero que "descoñecen" o tempo que van estar alí, a súa situación sanitaria, se van realizar algún tipo de actividade ou aprendizaxe e se o Concello pode colaborar ou facer algo para atenderlles.
Ademais, valorou que o sentir xeral dos veciños e do goberno local é de solidariedade coas persoas que tiveron que arriscar as súas vidas en buscar un futuro mellor polo que, farán "todo o que estea nas súas mans" para axudarlles.
Pola súa banda, o alcalde de Sobrado dos Monxes, Lisardo Santos, indicou a Europa Press que "aínda non teñen confirmación" de que se vai producir ese aloxamento e que, se chega a producirse, hospedaranse no Mosteiro e serán ao redor de 40 persoas.
Así mesmo, sinalou que "non saben" cando chegarán, nin tampouco o tempo que permanecerán alí, se finalmente se trasladan a este concello coruñés.
Nesta liña, indicou que "estaban a falar" unha organización encargada de acoller a estas persoas, pero "non tiñan nada pechado, nin nada en concreto" xa que, primeiramente tiñan que ver as instalacións do Mosteiro para valorar se eran as adecuadas para realizar esta iniciativa.
Ante esta xestión, o alcalde remarcou que é consciente de que "existe un problema migratorio e hai que buscar as mellores solucións que se poidan de cara a ese problema".