Unicef pídelle ao Goberno que "apoie con recursos" as Canarias para protexer os menores migrantes
Unicef pídelle ao Goberno que "apoie con recursos" as Canarias para protexer os menores migrantes
A responsable de migracións, Sara Casero, insta as administracións central e autonómica a "despolitizar" este asunto e "compartir responsabilidades" para protexer os menores non acompañados
Dispárase o número de menores migrantes non acompañados que chegan ás illas Canarias. Na actualidade, arredor de 5.500 nenos e nenas forman parte do sistema de protección da comunidade.
Nesta semana da infancia, Unicef pídelles ás administracións central e autonómica que "despoliticen" este asunto e traballen cóbado con cóbado para ofrecerlles unha contorna protectora e segura que permita garantir os seus dereitos máis básicos".
No Bos días da TVG, Sara Casero, especialista en migracións de Unicef, reclamaba ao Goberno central que "apoie o Goberno das Canarias con recursos e comparta reponsabilidades na acollida destes nenos e nenas".
Sara Casero reclama unha "acollida digna" para estes menores que chegan ás illas Canarias nunhas condicións durísimas, despois de sufrir "fame, sede, frío, medo e incerteza".
Pídelles ás administracións que "despoliticen este asunto" e non esquezan que estes menores non acompañados "son nenos", e que "os seus dereitos non se perden porque estean cruzando fronteiras".
Para apoiar estes menores, desde Unicef contan co programa 'Saúde mental en movemento', que ofrece un "servizo psicolóxico adaptado" a estes nenos e nenas refuxiados que sofren "experiencias arrepiantes" antes, durante e despois de emprender viaxe a España.
"Durante a ruta marítima ven como se tira pola borda os seus familiares e amigos para chegar con mais seguridade ás Canarias" e, antes da viaxe, "algúns sofren situacións de conflito, violencia sexual e persecución".
Aproveitando a Semana da Infancia, Unicef insta as administracións a garantir os dereitos destes menores acompañados e non esquecer, en ningún momento, que, veñan de onde veñan, "son nenos" aos que hai que protexer.