Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia afronta con optimismo e ilusión a participación olímpica

Galicia afronta con optimismo e ilusión a participación olímpica

Serán 24 os atletas nacidos na nosa terra que intentarán poñer ben alto o pavillón do deporte galego

G24.gal 25/07/2024 09:50

Neste Día de Galicia reparamos nos 24 deportistas galegos que van a estar representándonos nos Xogos Olímpicos de París. Este xoves comeza a competición para dous deles aínda que o desfile inaugural sexa na xornada do venres. Precisamente haberá abandeirada galega, coa presenza da regatista Támara Echegoyen a carrón de Marcus Cooper. 

En atletismo temos tres que xa saben o que é enfrontarse a unha olimpíada. Ana Peleteiro defenderá a súa medalla de bronce de triplo salto acadada en Toquio. Adrián Ben sempre compite ben nas grandes citas e intentará volver a unha final nos 800 metros e Belén Toimil quere estar entre as mellores no lanzamento de peso. Os debutantes son: Antonio Serrat (triatlón), Antía Chamosa (marcha, relevos mixtos), e Ester Navarrete e Tariku Novales no maratón.

As meirandes posibilidades témolas nos deportes acuáticos. Aí Galicia é unha potencia mundial e hai moitos padexeiros ou regatistas con opcións de medalla. A sete veces olímpica Teresa Portela competirá no K4 500 a carón da pontevedresa Carolina García. O K4 500 masculino tamén ten dobre presenza galega con Carlos Arévalo e Rodrigo Germade que dobrará no K2 500. Outra con moitas posibilidades é Antía Jácome nas probas de C2 500 e C1 200.

O debutante Pablo Crespo participará no C1 1000. En remo hai dous galegos: Rodrigo Conde, no dobre scull, e Caetano Horta, no dobre scull peso lixeiro. Serán os segundos xogos para o noiés que xa foi diploma en Toquio. O tomiñés Manu Ochoa tentará dar a sorpresa en caiac cros. A todos eles hai que engadir a catro veces olímpica Támara Echegoyen, medallista de ouro en Londres e que quedou no cuarto posto no Río e en Toquio no 49er FX. 

Os deportes de equipo tamén teñen presenza galega. Alicia Fernández no balonmán feminino, Rodrigo Corrales no masculino, Teresa Abelleira no fútbol feminino ou o baloncesto feminino con tres representantes: Paula Ginzo, María Araújo e o adestrador Miguel Méndez. Hai unha última galega na modalidade de skate, a coruñesa Julia Benedetti que volve a uns Xogos malia ter 19 anos. 

Seguiremos de preto a outros atletas asentados en Galicia como a nadadora María de Valdés, que adestra no Liceo da Coruña, Yulemnis Aguilar, en Oleiros, Enmanuel Reyes, o boxeador que reside na Coruña ou Alice Finot, a francesa namorada de Ponteareas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade