España suma 18 medallas en París para rematar décimo quinta na clasificación internacional
España suma 18 medallas en París para rematar décimo quinta na clasificación internacional
5 ouros, 4 pratas e 9 bronces para o comité español en París
Rematada a competición nos Xogos Olímpicos de París 2024 o comité español sumou un total de 18 metais: 5 de ouro, 4 de prata e 9 de bronce. A delegación española buscaba superar as 22 de Barcelona 92´, mais moitas das súas principais bazas quedaron polo camiño.
De todas as medallas españolas destacan os nomes de catro galegos que levaron o metal a casa: Os piragüistas Rodrigo Germade e Carlos Arévalo, o boxeador nacionalizado Emmanuel Reyes Pla e o porteiro de balonmán Rodrigo Corrales. Ademais, aparecen tamén os nomes de competidores doutras partes de España mais que exercen a súa actividade preparatoria na nosa terra, como son o padexeiro madrileño Diego Domínguez e o judoka Fran Garrigós.
As medallas de ouro, as máis cotizadas, foron cinco, e viñeron da man da marcha, polo dúo mixto formado por Álvaro Martín e María Pérez; do triplo salto de Jordán Díaz; da vela de Diego Botín e Florian Trittel e, nas competicións por equipos, do wáter-polo feminino e do fútbol masculino. Dentro deste metal augurábanse maiores éxitos como podían ser o de Carolina Marín ou o da parella Alcaraz-Nadal, mais finalmente o resultado foi distinto ao agardado.
As pratas foron conseguidas polo equipo de baloncesto feminino de 3x3, por Carlos Alcaraz no tenis individual, por Ayoub Ghadfa nos pesos pesados do boxeo masculino e por María Pérez, na marcha individual feminina.
Por último, os bronces chegaron da man de Álvaro Martín na marcha individual masculina, polo dúo de tenis feminino de Cristina Bucsa e Sara Sorribes, polo boxeador Emmanuel Reyes Pla, e polos equipos de natación artística feminina, de piragüismo K4(Saúl Craviotto, Carlos Arévalo, Rodrigo Germade e Marcus Cooper) e, en último lugar, polo cadro de balonmán masculino.
Desta maneira España pecha os xogos con máis medallas que na edición anterior, pero sen acadar o obxectivo marcado antes da competición. A primeira clasificada no medalleiro global foi Estados Unidos, que superou a China e a Xapón, con 127 medallas, 40 de ouro.