Alfonso Rueda destaca os resultados dos galegos nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos
Alfonso Rueda destaca os resultados dos galegos nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos
Rueda: “Sodes un exemplo para todo o mundo, por suposto para a xente nova e, en xeral, para toda Galicia”
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou este luns que os “fantásticos” resultados obtidos pola delegación galega nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París reflicten “o gran momento” que vive o deporte da comunidade.
Acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o titular do Executivo galego recibiu na residencia oficial de Monte Pío aos 46 deportistas que participaron en ambas as competicións.
“Sodes un exemplo para todo o mundo, por suposto para a xente nova e, en xeral, para toda Galicia”, afirmou o presidente.
Lembrou que a delegación galega regresou con 20 medallas ou diplomas olímpicos.
“Fixéstesnos pasar un gran verán, de estar atentos, empuxando e emocionándonos”, afirmou Alfonso Rueda, quen prometeu seguir apoiando economicamente ao deporte galego.
Neste sentido, destacou as axudas específicas que xa están en marcha para os deportistas de alto nivel, a creación da Oficina de Atención ao Deportista ou a futura conversión do Centro Galego de Tecnificación Deportiva en Centro de Alto Rendemento.