Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia atendeu máis de 1.500 persoas nas novas unidades de prevención de suicidios

Galicia atendeu máis de 1.500 persoas nas novas unidades de prevención de suicidios

Comesaña destacou o protocolo da Consellería de Educación establecido hai un ano para previr, detectar e intervir ante o risco suicida no ámbito educativo

No 2021 suicidáronse en Galicia 331 persoas, o que supón unha taxa de 12,28 % mortes por cada 100.000 habitantes

G24.gal 08/09/2023 15:46

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou este venres que as novas unidades de prevención de suicidio atenderon máis de 1.500 persoas na comunidade.

García Comesaña participou nun acto conmemorativo da celebración, o vindeiro domingo, do Día Mundial para a Prevención do Suicidio, e afirmou que as novas unidades "establecen un tempo de atención non superior a sete días desde a derivación" desde outros servizos sanitarios, que "se reduce a 72 horas en caso de apreciarse un alto risco".

As unidades contan con psicologos, psiquiatras e enfermeiros especialistas en saúde mental que, "de modo proactivo, garanten unha atención personalizada e continuada", apuntan dende a consellería.

García Comesaña destacou na súa intervención o protocolo da Consellería de Educación establecido hai un ano para previr, detectar e intervir ante o risco suicida no ámbito educativo en que Galicia é pioneira e que conta cun financiamento de 2 millóns de euros.

Este protocolo permitiu a posta en marcha do denominado código Agarimo e dunha vía rápida de atención a menores en risco medio-alto de suicidio, apuntou o conselleiro, que tamén mencionou o programa YAM, do Instituto Karolinska, para a prevención entre os mozos.

García Comesaña agradeceu a colaboración e a participación de distintas entidades sociais para difundir as liñas de axuda da Xunta.

"Os profesionais da institución que represento poñémonos á beira das vítimas e dos sobreviventes dun modo solemne nun acto que pretende render homenaxe á súa memoria e apoiar desde as institucións os que perderon por suicidio un ser querido", concluíu o conselleiro.

Segundo Feafes, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, en 2021 suicidáronse na comunidade 331 persoas, o que supón unha taxa de 12,28 % mortes por esta causa por cada 100.000 habitantes, 4,5 puntos máis que a media de España, que se situou no 7,79 % nese ano.

Galicia é, ademais, a segunda comunidade con máis suicidios en termos relativos e a quinta en cifras absolutas, segundo datos do Instituto de Medicina Legal de Galicia e do INE.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade