O Nodo Galego de Intelixencia Artificial reúnese para elixir a candidata a acoller a AESIA
A Coruña, Santiago e Ourense compiten por ser a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial
O Nodo Galego de Intelixencia Artificial reúnese este luns para valorar as posibilidades que teñen as candidaturas galegas, A Coruña, Santiago ou Ourense, para acoller a sede da Axencia Estatal.
Senén Barro, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, asegura que Galicia ten altas posibilidades de albergar a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial.
España vai ser o primeiro estado da Unión Europea que cree unha axencia de supervisión de intelixencia artificial e a elección da súa sede resolverase atendendo a criterios demográficos, de infraestruturas, investigación e relevancia das empresas tecnolóxicas.
As tres propostas valoradas, A Coruña, Santiago e Ourense, terán que quedar nunha única candidatura galega, conxunta ou non, que deberá ratificar o xoves o Consello da Xunta. Senén Barro, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial destacaba as posibilidades de Galicia para ser sede desta institución.
"Creo que nas tres universidades públicas galegas hai grupos de moi alta calidade. Temos un centro de investigación especializado, o CITIUS. Creo que realmente non só é a investigación, senón os resultados desa investigación transferidos ao sector produtivo, ás administracións públicas e a sociedade en xeral está tendo moito éxito", asegura Barro.
A función desta axencia será velar porque o desenvolvemento da intelixencia artificial sexa ademais ético. As consultoras TIC valoran que de aquí a 2035 as doce economías máis importantes do mundo poderían duplicar o crecemento do seu PIB se fan un bo uso desta tecnoloxía.
"Trátase de ter un ollo sempre mirando que a intelixencia artificial sexa fiable no posible, polo ben común das persoas, e ter outro ollo desenvolvendo sempre novas aplicacións, novos usos e nova tecnoloxía".
Barro insiste en que a transformación que vai supor a intelixencia artificial, coa capacidade de aprender das máquinas e de resolver problemas, pode ser similar á chegada da electricidade. Estará presente en todos os ámbitos da vida de xeito silente, sen que a percibamos demasiado, pero decatarémonos inmediatamente da súa importancia cando nos falte.