Galicia consome un 45 % máis de alimentos ecolóxicos ca hai un ano
Galicia consome un 45 % máis de alimentos ecolóxicos ca hai un ano
A superficie certificada aumentou un 42 % no último ano
Tamén subiron un 12 % os produtores e elaboradores no mesmo período
Xosé Manuel foi un dos pioneiros na venda de alimentos en ecolóxico en Santiago. Hai uns meses tivo que cambiar de local para ampliar o negocio. Vende fresco e elaborado e, desde a ampliación, tamén cociña receitas caseiras sinxelas para unha clientela que, constata, vai en aumento por saúde. A súa clientela confírmao.
Na mesma cidade, as tardes dos martes o parque de Belvís acolle os postos dos produtores en ecolóxico do Mercado Entre Lusco e Fusco que ofrecen directamente ao consumidor o que cultivan nas súas hortas. Teñen unha clientela moi fiel desque comezaron hai trece anos, cidadanía que cre neste modelo produtivo.
En datos do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, en 2022 alcanzáronse case os 113 millóns de vendas, un 385 % máis ca hai dez anos. Cada vez menos consumidores cren que estes produtos sexan máis caros. Eles asegúranos que mesmo poden estar máis baratos ca nun supermercado onde cada vez hai máis oco para produtos ecolóxicos. Produtos sans, en fresco ou elaborados por eles mesmos, con toda confianza.
1506 produtores e elaboradores galegos traballan certificados, a maioría en produción vexetal aínda que o máis vendido son os lácteos. As mulleres nun 74 % son as que máis enchen a cesta da compra de alimentos e outros produtos ecolóxicos, sobre todo, froita e hortalizas. A razón segue a ser a saúde e a súa prevención.
Hai máis de dous mil anos o sabio grego Hipócrates xa aconsellaba que o alimento fose o medicamento.