Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia conta cuns 900 pazos e uns 300 están á venda

Galicia conta cuns 900 pazos e uns 300 están á venda

Desde a FEGEIN instan as Administracións a coidar deste patrimonio arquitectónico, axilizando os trámites administrativos para a súa rehabilitación

Destacan que hai que aproveitar canto antes os fondos europeos

O sector pon de exemplo o norte de Portugal, onde unha licenza municipal para a rehabilitación non tarda máis de sete días

G24.gal 08/09/2024 14:59

O pazo en San Lourenzo de Piñor en Barbadás, Ourense, está á venda por algo máis de millón e medio de euros e conta cun predio de máis de 18.000 metros cadrados. 

Este é un exemplo dos algo máis de 900 pazos catalogados en Galicia no Inventario Xeral de Patrimonio, ao que hai sumar as casas grandes con escudo. Desas propiedades hai máis de 300 á venda, o que supón un incremento na comparativa interanual entre o verán do 2023 co de 2024 do 12 %.  Desde o sector instan as administracións a coidar deste patrimonio arquitectónico para a súa rehabilitación e conservación.

"Por iso é tan importante esa simplificación administrativa e que esa carga burocrática e tamén fiscal diminúa. Non pode ser que unha vez que adquirimos unha propiedade deste tipo se tarde entre dous e tres anos en ter unha licenza de rehabilitación integral ou parcial", di Benito Iglesias, presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN).

Por iso poñen de exemplo a seguir neste tipo de rehabilitacións ao norte Portugal. 

"Os nosos veciños do norte de Portugal levan moitos anos facendo a rehabilitación do seu patrimonio arquitectónico dun xeito moi áxil e cunha simplificación administrativa. Temos o caso de Porto, onde unha licenza municipal non tarda máis de sete días", engade.

Desde o sector fan fincapé na importancia de aproveitar os fondos europeos para rehabilitar estas xoias arquitectónicas.

"Os fondos europeos son os máis importantes que houbo historicamente. A partida para a rehabilitación de residencias supera os 3.400 millóns de euros no conxunto do Estado, se non os executamos temos que devolvelos. Temos unha oportunidade histórica para rehabilitar o noso Patrimonio arquitectónico", destaca.

É e que máis do 60 por cento de pazos e casas grandes que están á venda en Galicia están en estado ruinoso ou semirruinoso.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos