Galicia e outras seis comunidades autónomas presentan un recurso de inconstitucionalidade contra a lei de amnistía
Galicia e outras seis comunidades autónomas presentan un recurso de inconstitucionalidade contra a lei de amnistía
Galicia e outras seis comunidades autónomas presentan un recurso de inconstitucionalidade contra a lei de amnistía
Ás comunidades autónomas do PP sumouse tamén Castela A Mancha
O Goberno galego rexistrou o seu recurso de inconstitucionalidade contra a lei de amnistía este luns, xornada en que tamén o fixeron os executivos de Andalucía, Aragón, Comunidade Valenciana, Madrid e Murcia, todos gobernados polo PP.
A eles sumóuselles o de Castela A Mancha, gobernada polo socialista Emiliano García Page.
A presentación do recurso desde Galicia, confirmada por fontes do Goberno autonómico, foi aprobada o pasado luns 2 de setembro.
Como sinalou entón o presidente da Xunta Alfonso Rueda, o recurso susténtase nos ditames favorables do Consello Consultivo e da asesoría xurídica da administración autonómica.
A "arbitrariedade da lei", a "quebra do principio de igualdade territorial, xurídica e económica" e a "vulneración da separación de poderes" son algúns dos argumentos que, en palabras de Rueda, hai para que a Xunta decidise interpoñer este recurso ante o Tribunal Constitucional.
"Sempre dixemos que Galicia actuará con toda a contudencia cando pensemos que hai normas que atentan contra os seus intereses, como é o caso", aseverou hai unha semana o mandatario galego.
A argumentación que emprega o Executivo galego parte da consideración da súa asesoría xurídica, que entende que a lei de amnistía "contradí" artigos da Constitución Española como o 9.1, que marca que "todos" os cidadáns e poderes públicos estarán sometidos á Carta Magna e ao resto de ordenamento xurídico.
Outro dos aspectos que a Xunta argumenta para levar o texto ante o Constitucional é a apreciación de que a súa aplicación "deixa sen efecto decisións firmes adoptadas polo poder xudicial" e "quebra o principio de seguridade xurídica" ao actuar nun ámbito "amplo e indeterminado".
Este mércores 11 de setembro finalizaba o prazo para interpoñer recursos, tendo en conta que a lei de amnistía fixa tres meses para poder impugnar a norma desde a súa publicación no Boletín Oficial do Estado, que tivo lugar o pasado 11 de xuño.