Enagás confirma o interese do treito Guitiriz-Zamora de hidróxeno verde
Enagás confirma o interese do treito Guitiriz-Zamora de hidróxeno verde
A empresa reitera a intención de propoñelo como proxecto de interese común para poder acceder a fondos europeos
Enagás ratificou este mércores a súa intención de propoñer o treito entre Guitiriz e Zamora como proxecto de interese común, para poder acceder a fondos europeos na próxima convocatoria. Na anterior a nosa comunidade quedou fóra.
Á espera de que o treito galego sexa viable, xa sabemos que hai máis de 200 empresas interesadas na produción de hidróxeno verde en toda España.
A compañía rexistrou 650 proxectos de hidróxeno dun total de 206 empresas no proceso de 'Call for interest' que lanzou o pasado mes de setembro para coñecer o apetito existente no desenvolvemento do hidróxeno.
Segundo anunciou o conselleiro delegado de Enagás, Arturo Gonzalo Aizpiri, con motivo do II Día do Hidróxeno, destes 650 proxectos, un 65 % son de produción, un 20 % de consumo e un 15 % de comercialización.
As infraestruturas para España de Enagás e presentadas á convocatoria da Comisión Europea son: o Eixo da Cornixa Cantábrica, Eixo do Valle do Ebro, Eixo Levante, Eixo Vía da Prata -coa súa conexión co Val de hidróxeno de Puertollano-, o Eixo Guitiriz-Zamora, así como dous almacenamentos subterráneos de hidróxeno en Cantabria e País Vasco.
Esta infraestrutura española de hidróxeno conectará co corredor H2Med -proxecto no que participan como promotores, ademais de Enagás, os Transmission System Operators (TSO) de Portugal, Francia e Alemaña-, que permitirá converter á Península Ibérica no primeiro centro de distribución de hidróxeno de Europa.
"Vimos que España demostra ese potencial que ten de converterse nun gran hub europeo de hidróxeno verde, pero ademais debemos e podemos converternos na gran porta de entrada á Unión Europea do Hidróxeno Verde producido en países veciños, en particular do norte de África",
No mesmo acto, a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica asegurou que o hidróxeno renovable supón unha grande oportunidade industrial, social e ambiental.