Galicia está no pico máximo de concentración de pole e de alerxias
Galicia está no pico máximo de concentración de pole e de alerxias
Arredor dun 30% da poboación é alérxica
Estes días comezan a sentir os síntomas e as molestias respiratorias polo pole
A Universidade de Vigo é pioneira na medición do pole nas cidades galegas
Xusto agora na primavera estamos no pico máximo de concentración de pole na atmosfera en Galicia e isto afecta, e moito, as persoas alérxicas.
Arredor dun 30% da poboación é alérxica, e segundo os estudos dos alergólos a incidencia vai a máis. No 2050 prevese que a metade da poboación teña alerxia a algún tipo de pole.
A Universidade de Vigo mide desde o ano 93 a concentración de pole nas cidades galegas.
Os medidores instalados no Campus de Ourense indican que xa comezou a época do ano de maior concentración de pole na atmosfera e de alerxias.
"Este momento en que estamos agora é o pico máis importante que hai de alerxias. En Galicia temos dous períodos: agora no mes de marzo e abril como consecuencia das árbores que florecen na primavera, e despois en xuño coas gramíneas", explica Francisco Javier Rodríguez Rajo, catedrático de Botánica da Universidade de Vigo
A floración de distintas especies alérxenas comezou primeiro polo sur, nas Rías Baixas e en Ourense, e vaise estendendo cara o norte, a Lugo e despois á Coruña.
"É importante destacar o momento actual por culpa da parietaria, que é unha herba pequena que florece agora, os plataneiros e os bidueiros que comezarán a flocerer a semana que vén", asegura o catedrático de Botánica.
Segundo a Sociedade Galega de Alergoloxía as persoas alérxicas poden diminuír os síntomas na época de polinización se evitan a exposición nos días de máxima concentración, sobre todo as actividades ao aire libre en zonas con abundante vexetación e os días soleados e ventosos.
Tamén recomendan usar gafas de sol para reducir a irritación nos ollos e manter as ventás das casas pechadas.
Esbirros, conxestión nasal, moco ou conxuntivite son os síntomas máis comúns.
As máscaras no exterior son unha medida efectiva segundo os alergólogos, porque evitan o contacto directo co pole. Polo seu uso xeneralizado o ano pasado as persoas alérxicas tiveron menos molestias.