A alergóloga galega Carmen Vidal, premiada pola excelencia do seu traballo
A alergóloga galega Carmen Vidal, premiada pola excelencia do seu traballo
A Academia Europea de Alerxia e Inmunoloxía Clínica recoñeceu o labor que fai a que tamén está considerada como un dos 100 mellores médicos de España
A alergóloga galega Carmen Vidal Pan está considerada como un dos 100 mellores médicos de España pola revista Forbes e agora recibe un recoñecemento internacional dos seus compañeiros. A Academia Europea de Alerxia e Inmunoloxía Clínica acaba de premiala co Charles Blackley pola súa traxectoria profesional. Pola promoción que fai da alergoloxía, a excelencia do seu traballo e o seu liderado á fronte da especialidade.
Fala das alerxias que repuntan no verán. Da exposición ao sol pode manifestarse unha urticaria solar; por bañarse en augas con baixa temperatura, unha urticaria por frío. A acuaxénica aparece por contacto coa auga. Unha época en que aumenta o emprego de filtros solares con conservantes, que tamén poden producir reaccións alérxicas.
A xefa do servizo de Alergoloxía do CHUS explica que "son o que chamamos dermatites de contacto porque é ao contacto coa zona onde se aplica. Pero é alerxia no sentido de que hai un mecanismo inmunolóxico, unha reacción que está subxacente. Que é a causa de que isto suceda".
O mellor, usar cremas solares sen químicos irritantes e facer unha proba de parche antes de estendela por todo o corpo.
A causa máis común de alerxias en Galicia está nos ácaros e os poles. Carmen Vidal Pan engade que "hai determinadas plantas que non é que polinicen na primaera. É que polinizan no verán. E entón poden producir manifestacións respiratorias, taponamento no nariz, picor dos ollos, dificultade para respirar no peito... unha crise de asma. Por iso se un paciente é alérxico ao polen é importante que saiba que polen está nese momento en efervescencia no aire para evitar esas saídas ou usar medicación que o protexa".
Estamos tamén máis expostos ás picaduras de insectos, que poden desencadear reaccións moi graves nos alérxicos. Hai que previr e protexerse.
E atender as recomendacións de expertos. Como Carmen Vidal, que acaba de ser premiada pola Academia Europea de Alerxia e Inmunoloxía Clínica. Un recoñecemento á súa traxectoria na promoción da especialidade.