O tempo seco e solleiro complica a situación dos alérxicos ao pole
O tempo seco e solleiro complica a situación dos alérxicos ao pole
A combinación de sol, altas temperaturas e vento favorecen a expansión do pole coas consecuentes molestias para os afectados
A peluxe dos chopos non provoca alerxia pero pode causar molestias
Hai momentos en que semella que neva baixo un sol radiante e a trinta graos. "Vese que cando chove non se levanta, pero agora si", di un home sobre a peluxe dos chopos.
Sol, calor e vento son tres factores que axudan a propagación do vilano, a peluxe que transporta a semente dos chopos. Non é un alérxeno en si mesmo, pero pode transportar pole doutras plantas.
Marimar García Álvarez-Eire, alergóloga do CHUO: "Circulan por toda a cidade e o que fan é esparexer outros poles que están no ambiente nese momento".
Aínda que non cause alerxia, si resulta molesto, sobre todo para os ollos e o nariz. "Bastante. Méteseme no nariz, nos ollos...". "A min non, pero a miña muller ten que poñer máscara para vir por aquí", comentan dúas persoas.
Coa suba das temperaturas e o tempo estival aumenta o risco para os alérxicos. As gramíneas están empezando a polinizar e os bidueiros aínda non remataron.
Marimar García Álvarez-Eire, alergóloga do CHUO: "Recoméndase evitar na medida do posible a actividade no exterior e utilizar protección: lentes que cubran ben os ollos, máscaras...".
Segundo os datos do ministerio de Sanidade, a alerxia ao pole afecta aproximadamente un 15 % da poboación, pero a porcentaxe increméntase ata o 30 entre os máis novos.