Galicia participa nunha investigación internacional para lograr unha nova vacina da covid
Galicia participa nunha investigación internacional para lograr unha nova vacina da covid
Os hospitais de Vigo e de Santiago realizarán os estudos en Galicia
Os científicos piden 100 voluntarios coa pauta completa para inxectarse a dose de reforzo
O servizo de Medicina Preventiva da área sanitaria de Vigo e o Complexo Universitario de Santiago, son canda outros catro centros españois de catro comunidades autónomas os que participan en España na investigación internacional para probar unha nova vacina de reforzo contra o coronavirus.
O estudo afronta a fase previa á comercialización , (a fase III). Busca desenvolver unha vacina distinta ás actuais, cun produto coadxuvante que mellore a resposta inmune e que, en definitiva, proporcione un maior nivel de protección e unha duración maior do tempo de protección.
Vantaxes da nova vacina
Unha das principais novidades da nova vacina é que está realizada fronte a virus diferentes ao de "Wuhan orixinal"; agárdase que teña unha maior eficacia e cobertura ante novas variantes e mutacións do virus orixinal.
Outra das vantaxes é que non precisa conxelación e poderá conservarse en neveiras, o que facilitará a loxística da súa distribución. Será unha achega de grande transcendencia para os países de baixos ingresos.
Piden un cento de voluntarios
En Vigo piden a participación dun cento de voluntarios no estudo e en Santiago tamén realizan un chamamento. A única condición é que sexan maiores de 18 anos e que teñan inoculada a pauta completa, (as dúas doses de calquera das vacinas aprobadas en España).
Os interesados deberán dirixirse en Galicia aos servizos de medicina preventiva dos hospitais de Vigo e de Santiago.
O estudo é unha nova liña das investigacións marcadas no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, que agora traballa nunha vintena de ensaios clínicos da covid19. en todos os campos médicos: epidemiolóxico, terapéutico ou efectos na saúde mental.