Galicia pídelle ao Goberno "máis ambición" na negociación das cotas de pesca
Galicia pídelle ao Goberno "máis ambición" na negociación das cotas de pesca
O sector galego, preocupado polas novas sobre a anguía, o xurelo e o abadexo
O ministro Planas amósase "moderadamente optimista" sobre o resultado
As tripulacións de case 9.000 buques españois ten a vista posta nesta mesa de Bruxelas. Nela negócianse os topes de capturas para 2024 e as cotas que lle corresponderán a cada país. Galicia ten as súas prioridades.
"Preocúpannos especialmente xurelo, abadexo e anguía", dixo Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pesca.
Nesas especies, a proposta inicial da Comisión apunta a severos recortes, cando non peches da pesqueira. Galicia aperta para que non se produzan e insta o Goberno a facerse valer.
Alfonso Villares, conselleiro do Mar: "Hai que ser moi ambiciosos, moito máis ambiciosos nas peticións que se van trasladar e no que queremos sacar neste semestre, tendo en conta que hai unha presidencia española que hai que aproveitar".
Mellores son as perspectivas que se agardan para a pescada, o rapante ou o peixe sapo. O ministro era moderadamente optimista á súa chegada a Bruxelas. Tras once reunións bilaterais, apela á prudencia.
"Eu continúo nese moderado optimismo de onte. Gardo a valoración final para o resultado, estamos traballando moi ben, pero hai que levar moito coidado", dixo Luis Planas.
Tamén se espera a confirmación das primeiras cotas plurianuais para algunhas especies.
Para Basilio Otero: "Será o inicio dunha nova etapa, que esperamos que se estenda a outras especies e poidamos ter unha previsión de empresas máis a longo prazo e non ano a ano, como tiñamos ata agora".
Sobre as negociacións voa a inminente sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo, que podería vetar o poder dos políticos para fixar cotas onde os científicos o desaconsellen.