Galicia presenta na Fish International de Bremen os produtos do mar
Galicia presenta na Fish International de Bremen os produtos do mar
A conselleira destaca o escaparate que estes eventos supoñen para a produción pesqueira do país
Os produtos galegos do mar están presentes na maior feira sectorial do mundo, que se celebra en Alemaña. Rosa Quintana visitaba esta mañá as empresas do país que participan na Fish International de Bremen para apoiar as exportacións do sector pesqueiro galego, mellorar na comercialización e distribución dos seus produtos e crear emprego.
Na mostra, Galicia conta cun expositor de 180 metros cadrados, onde se sitúan nove empresas galegas destacadas da industria marítimo-pesqueira. Despois desta cita na cidade alemá, Galicia co sector pesqueiro participará noutros sete certames mundiais para afianzarse nos mercados emerxentes, entre eles Singapur, Cabo Verde ou Francia.
O goberno galego inviste máis de dous millóns e medio de euros nestes eventos. "Nestes momentos podemos falar de que son máis de 120 países que ofrecen os nosos produtos e iso é o que debemos buscar, co fin de mellorar as nosas vías de exportación, tamén na repercusión do valor engadido que estas feiras contribúen a facer nos produtores primarios", asegurou a conselleira.