Galicia prohibirá os móbiles nos recreos, comedores e clases extraescolares

A medida entrará en vigor despois das vacacións de Nadal

G24.gal 07/12/2023 17:57 Última actualización 07/12/2023 18:05

Galicia vai prohibir o uso do teléfono móbil en colexios e institutos no tempo de lecer. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou este xoves que queren que esta medida entre en vigor despois xa das vacacións de Nadal, tras consensuala con docentes e ANPA.

A comunidade galega foi pioneira na prohibición do móbil nas aulas no 2015, e é unha das catro que non permiten utilizar estes aparellos agás con fins pedagóxicos. Ata agora cada centro regulaba o seu uso fóra das clases e xa estaban prohibidos no 75 % dos institutos. Para mellorar a convivencia escolar, a Xunta dá un paso máis e ordena que desaparezan os móbiles dos recreos, comedores, actividades extraescolares e entradas e saídas de colexios e institutos.

Nos próximos días a consellería de Educación negociará con ANPA e directivas a franxa de idade na que se vai aplicar esta prohibición, que segundo confirmou Alfonso Rueda queren que entre en vigor despois das vacacións de Nadal.

Para evitar riscos asociados ás novas tecnoloxías, a Xunta vai instalar tamén nos portátiles que usan 64.200 alumnos unha aplicación para evitar que accedan a contidos inapropiados cando levan o ordenador á casa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade