Galicia quere colocarse no epicentro da Intelixencia Artificial en Europa

Pode ser a primeira rexión europea con normativa propia

G24.gal 02/12/2023 13:21 Última actualización 02/12/2023 13:32

A Xunta quere impulsar o uso da Intelixencia Artificial para axilizar e mellorar os seus servizos á cidadanía. Esta semana acordou iniciar a tramitación do anteproxecto de lei que regulará o emprego desta ferramenta.

"Para non crear discriminación, non crear desigualdade, e facelo respectando sempre os dereitos dos cidadáns de privacidade e transparencia e o dereito que teñen a unha boa administración", explica o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Julián Cerviño afirma que a intención é crear confianza e subliña que, aínda que a intelixencia artificial facilitará a automatización dos procesos, a lei asegurará a intervención humana cando sexa preciso.

"Para garantir que nas decisións que afectan a dereitos fundamentais dos cidadáns participe sempre unha persoa", puntualiza.

Galicia é a primeira rexión en Europa que dá o paso para adoptar unha normativa propia sobre o emprego da intelixencia artificial na súa Administración.

"Enmárcase no traballo que vimos facendo desde a Xunta, desde a sociedade galega, o sistema universitario galego e o sector TIC de colocar a Galicia no epicentro da intelixencia artificial en Europa", explica o responsable da Axencia para a Modernización Tecnolóxica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar