Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia rebaixará ao nivel 1 o plan de emerxencia pola chegada dos 'pellets' ás praias

Galicia rebaixará ao nivel 1 o plan de emerxencia pola chegada dos 'pellets' ás praias

O subdirector xeral de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, trasladará ao Goberno esa decisión, pois estase reducindo "notablemente" a chegada destes microplásticos

Non se descarta subir de novo o nivel de alerta se volven a existir datos preocupantes

Un operario limpaba a praia de Nemiña, no concello de Muxía (EFE/Cabalar)
G24.gal 24/01/2024 19:29

Os técnicos que formaban parte do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia (Plan Camgal) decidiron este mércores rebaixar o a alerta pola chegada de pellets ás praias ao nivel 1. Levaba en situación de risco 2 dende o pasado 9 de xaneiro.

Así o acordaron nunha reunión de técnicos na subdirección de Gardacostas de Galicia, en Santiago, que se estendeu durante case dúas horas e na que se avaliou o traballo realizado ata o momento.

O subdirector xeral dos Gardacostas, Lino Sexto, sinalou que o seu departamento trasladará ao Goberno esta decisión, ao entender que é oportuna “unha desescalada progresiva” das tarefas de limpeza tras unha redución “notable” na chegada de microplásticos.

Deste xeito, e “salvo que manifesten oposición” dende o Goberno, a desactivación do nivel 2 “será efectiva esta mesma semana”, aínda que se continuará cos labores de vixilancia.

Esta decisión adóptase porque a cantidade de granulados non chega “aos cocientes mínimos” que os organismos internacionais recomendan “para a súa recollida”.

Neste sentido, Sexto explicou que as densidades menores son moito menores dos 150 pellets por metro cadrado ou dos 3.000 pellets por operario ao día, que se utilizaron como medida noutros puntos nos que existiron vertidos de microplásticos.

Con todo, “no caso de que volvan existir criterios” preocupantes, non se descartaría subir de nivel novamente, polo que se manterá unha “vixilancia constante por se a situación cambiase”, explicou o responsable de Gardacostas.

Lino Sexto defendeu a recomendación de “desescalar” os traballos de limpeza ao entender que é importante que estes labores “non causen máis prexuízos que beneficios ao ecosistema”.

“Por iso recomendamos unha desescalada progresiva”, subliñou.

Ata o momento, o dispositivo despregado pola Xunta de Galicia nas praias e no mar para a recollida dos pellets que caeron do mercante Toconao en augas portuguesas recuperou 3.560 quilos deste material.

Con todo, as cantidades recollidas cada día son inferiores e, de feito, os operarios onte unicamente conseguiron recuperar 16 quilos, o equivalente a algo máis de medio saco deste material.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade