Galicia recibe o premio Rexión Emprendedora Europea por fomentar o espírito empresarial
Galicia recibe o premio Rexión Emprendedora Europea por fomentar o espírito empresarial
O Comité Europeo das Rexións (CdR) recoñece o "compromiso exemplar" co fomento do espírito empresarial para revitalizar as zonas rurais e contrarrestar o despoboamento e o envellecemento
Galicia recibiu este xoves o premio Rexión Emprendedora Europea, que recoñece os territorios da Unión Europea (UE) que teñen unha estratexia empresarial "destacada e innovadora", polo seu "compromiso exemplar" co fomento do espírito empresarial para revitalizar as zonas rurais e contrarrestar o despoboamento e o envellecemento dos seus habitantes.
O premio, patrocinado polo Comité Europeo das Rexións (CdR) e entregado durante unha cerimonia celebrada na súa sesión plenaria, tamén recoñeceu como rexións emprendedoras europeas aos territorios de Krapina Zagorje, en Croacia, polo fomento da substentabilidade do turismo, e a Mazovia, en Polonia, polos seus esforzos para contribuír á recuperación económica de Ucraína.
Este galardón recoñece o apoio das rexións ás pequenas e medianas empresas (pemes) e á actividade empresarial como elementos "cruciais" tanto para o futuro das rexións e cidades europeas, como para a resiliencia económica e industrial de Europa.
"A nosa proposta é unha iniciativa que aposta por demostrar o potencial das catro provincias galegas á hora de desenvolver actividades empresariais e proxectos de vida que permitan manter á poboación no noso territorio", dixo durante a cerimonia o conselleiro de Emprego e Comercio da Xunta de Galicia, José González.
González explicou que este recoñecemento enmárcase dentro do plan estratéxico de Galicia 2022-2030, unha ferramenta de planificación para facer fronte a grandes retos como o cambio climático, a transición dixital ou o envellecemento, que aposta polo emprendemento como vertebrador do mundo rural.
Así mesmo, asegurou que o obxectivo da Xunta é visibilizar Galicia como un lugar "atractivo" para vivir e emprender: "A nosa terra é fértil e iso explica que fose o berce de emprendedores e emprendedoras", asegurou o conselleiro en referencia a grandes empresarios nados nesta comunidade, como o fundador do grupo Inditex, Amancio Ortega.
"Nós (a Xunta) apostamos claramente pola actividade empresarial, pola actividade económica e pola creación de postos de traballo, tanto en réxime de autónomos como en empresas, como mecanismo para afrontar o despoboamento e o reto demográfico", remarcou aos medios.
Por iso, González recoñeceu que este premio é un recoñecemento que serve a Galicia "como impulso", pero que tamén implica "responsabilidade" para cumprir coas expectativas "que puxo Europa en nós".