Galicia reclama que o Goberno lle permita convocar o PERTE mar-industria
Galicia reclama que o Goberno lle permita convocar o PERTE mar-industria
Gómez Besteiro di que o Goberno central está comprometido co proxecto estratéxico para a industria do mar
O sector conserveiro expresa a súa preocupación pola falta de información sobre o PERTE
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reclama que se lles ceda a xestión dos fondos europeos ás comunidades autónomas. Di o presidente Rueda que sería a mellor forma para garantir que os fondos cheguen aos sectores que os precisen máis rápido.
Rueda reclamou ao Goberno que transfira a "capacidade" para convocar o PERTE previsto para a cadea mar-industria "para que ese diñeiro non se perda" ante o atraso da súa tramitación.
Tras unha visita á cooperativa mexilloeira Amegrove, no Grove, Rueda lamentou que co sistema de xestión actual dos fondos europeos Next Generation "só podemos estar de brazos cruzados", esperando que o Executivo central os reparta.
"Estamos a ver como pasan os meses e como se perden oportunidades que outros países están a aproveitar porque teñen outro sistema de xestión", subliñou o presidente galego.
Pola súa parte o candidato socialista á presidencia da Xunta, Xosé Ramón Gómez Besteiro asegura que o Goberno central está comprometido co proxecto estratéxico para a industria do mar.
Gómez Besteiro di que apoia a demanda de Anfaco de que se activen os fondos para que as empresas pesqueiras accedan a estas axudas.