Galicia sae á rúa contra a violencia machista
Galicia sae á rúa contra a violencia machista
Ata unha vintena de manifestacións e concentracións en vilas e cidades neste 25N, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller
Milleiros de persoas reclamaron "que a vergoña cambie de bando", máis recursos e poñer freo ao negacionismo que pon en dúbida "unha realidade dramática"
A Xunta asume "o compromiso de acabar con calquera tipo de violencia contra as mulleres"
25N Radiografía da violencia machista: 50 asasinatos de xénero e 560 denuncias diarias
O movemento feminista chama a destapar todas as formas de violencia machista e reclama medios para frealas. No ámbito educativo, no da empresa, no xudicial e tamén no informativo, para combater o negacionismo. Neste 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a muller, as manifestacións percorreron vilas e cidades.
Os datos son obxectivos: desde 2003, cando se empezaron a facer os rexistros, en España foron asasinadas 1.284 mulleres. No que vai deste 2024 xa son 41.
Na Coruña, a marcha partiu da praza do Obelisco, ademais da alcaldesa da Coruña, asistiu o secretario xeral dos socialistas galegos, Gómez Besteiro.
A rúa encheuse de pancartas de condena da violencia machista, de berros para reclamar máis medidas e tamén, os manifestantes quixeron visibilzar as catro mulleres asasinadas este ano en Galicia. Fixéronno portando pancartas cos seus nomes.
En Vigo, dúas manifestacións contra a violencia machista
En Vigo, saíron á rúa dúas manifestacións. Compartiron percorrido pero non horario. Unha foi convocada polo colectivo Resposta Feminista, que quixo desmarcarse así da organizada pola Rede de Mulleres veciñais contra os malos tratos.
A plataforma celebrou a súa marcha baixo o lema Que a vergoña cambie de bando. Feminismo sen tregua, e quixeron poñer o foco na violencia sexual e na xustiza patriarcal, agradecendo a "xenerosidade e valentía das que expuxeron os seus casos publicamente".
A manifestación contou co respaldo dos sindicatos CIG e Comisións Obreiras, ademais de formacións políticas como o BNG, Sumar, Podemos ou Esquerda Unida. Tras a marcha, na que participaron unhas 2.000 persoas, leuse un manifesto que comezou cunha condena rotunda aos últimos casos de violencia machista e cun recordo ás catro vítimas mortais deste ano en Galicia.
A marcha da Rede de Mulleres Veciñais, que saíu unha hora máis tarde, celebrouse baixo as lemas Xuntas somos máis e Xuntas contras as violencias machistas. A manifestación, cunha participación dunhas 500 persoas, contou co apoio do sindicato UXT, e tamén participaron membros do goberno local, ademais de concelleiros do PP, e varios colectivos de mulleres.
A marcha finalizou cun manifesto no que reclamaron "accións gubernamentais de emerxencia" para afrontar e erradicar a violencia "feminicida", e asi garantir a seguridade das mulleres que sofren esa situaciíon, "moitas veces impunemente".
En Compostela a emblemática praza do 8 Marzo volveu ser o multitudinario punto de encontro neste 25 de novembro para alzar a voz e reclamar medidas para frear as agresións machistas. Baixo o lema 'A violencia machista ten moitas caras, combatámolas todas, a manifestación foi convocada pola Marcha Mundial das Mulleres á que tamén se uniu a Plataforma Feminista Galega.
Dúas manifestacións en Madrid
Un ano máis en Madrid o 25N deixou unha imaxe de división coa celebración de dúas manifestacións. Por un lado, a convocada pola Comisión 8M baixo o lema Xuntas, o medo cambia de bando.
Entre as súas reivindicacións, piden o fin da impunidade fronte aos feminicidios, a violencia vicaria, os crimes de odio contra a diversidade sexual e a violencia sexual; políticas públicas de prevención e de protección para as sobreviventes, especialmente para as de maior idade, as migrantes e refuxiadas, as precarizadas, as trans e a infancia.
Unha das portavoces da Comisión 8M, Amaia Ugarte, indicou que se unen para denunciar "todas as violencias que sofren todas as mulleres", desde a violencia sexual, ata a violencia vicaria, os feminicidios ou a violencia económica.
Esta foi unha das dúas manifestacións que saíron á rúa este luns en Madrid, e á que asistiron a ministra de Mocidade e Infancia, Sira Rego, e a secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra.
A outra marcha, convocada polo Foro de Madrid baixo o lema Combater o sexismo para erradicar a violencia contra as mulleres, contou coa presenza da ministra de Igualdade, Ana Redondo. A ministra recalcou que novamente as feministas toman a rúa "para levantar a voz, alzar a voz para esixir igualdade e liberdade".
"Chegará un momento, chegará un tempo no que non sexa necesario conmemorar este día como o día da loita contra as violencias cara ás mulleres, pero mentres ese día chega, temos que seguir avanzando en dereitos, en igualdade e en liberdade, temos que facelo polas 41 mulleres asasinadas neste ano 2024", asegurou Redondo.