Publicador de contidos
Publicador de contidos

Este é o calendario en Galicia da PAU, a nova selectividade

Este é o calendario en Galicia da PAU, a nova selectividade

A Proba de Acceso á Universidade celebrarase entre o martes 3 e o xoves 5 de xuño en case toda España

O exame de Lingua Galega será o último día, malia que o habitual era que nesa xornada só houbese exames de materias optativas

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 25/11/2024 20:21

A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) xa publicou na súa páxina web os horarios da nova selectividade, que en 2025 pasará a chamarse Proba de Acceso á Universidade (PAU). Os exames celebraranse entre o martes 3 e o xoves 5 de xuño en case todo o Estado e en Galicia arrincarán co de Lingua Castelá e Literatura.

Outra das novidades que inclúe o plan da CiUG é que a proba de Lingua Galega e Literatura será o último día, cando en 2024 foi o primeiro exame. Isto implicará que todos os estudantes deberán acudir durante as tres xornadas, cando o habitual era que na última só se celebrasen exames dalgunhas materias optativas, polo que había alumnos que xa non tiñan que ir.

Cabe lembrar que as probas para acceder á universidade sufrirán cambios en 2025, tras o acordo para homoxeneizalas asinado polas comunidades autónomas gobernadas polo PP e a intención do Ministerio de Educación por facelas máis competenciais. Neste contexto, a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas pactaron fixar a PAU nas mesmas datas en toda España, fóra de Cataluña.

Primeira xornada, martes 3 de xuño

Así, en Galicia iniciarase ás 9:00 horas do martes 3 de xuño cunha introdución na que os aspirantes recibirán información de como se desenvolverán as tres xornadas. Tras isto, chegará o primeiro exame, o de Lingua Castelá e Literatura, das 10:00 ás 11:30 horas.

Tras o descanso, as probas continúan cos exames das materias a escoller de Historia de España e Historia da Filosofía, entre as 12:00 e as 13:30 horas.

A primeira xornada retómase ás 16:00 horas cos exames de Bioloxía, Tecnoloxía e Enxeñería II, Empresa e Deseño de Modelos de Negocio e coa segunda lingua estranxeira: Alemán, Francés, Inglés, Italiano e Portugués.

Tras o descanso, ás 18:00 horas será a quenda dos estudantes que se examinen de Física, Grego, Fundamentos Artísticos e Historia da Música e da Danza. A sesión do martes conclúe así ás 19:30 horas.

Segunda xornada, mércores 4 de xuño

A segunda xornada, a do mércores 4 de xuño, arrincará ás 9:30 horas coa proba da primeira lingua estranxeira: Inglés, Francés, Alemán, Portugués e Italiano. Tras o descanso (11:00-11:30 horas), renóvanse os exames con Matemáticas II, Latín II, Debuxo Artístico II, Artes Escénicas e Ciencias Xerais.

A sesión da tarde inicia ás 16:00 horas coas probas de Química, Xeografía, Deseño e Movementos Culturais e Artísticos. Tras o descanso das 17:30 a 18:00 horas, a xornada finaliza coas probas de Xeoloxía e Ciencias Ambientais, Historia da Arte, Técnicas de Expresión Gráfico-Plástica e Literatura Dramática.

Terceira xornada, xoves 5 de xuño

A última xornada de exames, o xoves 5 de xuño, comezará ás 09:30 horas coa proba de Lingua Galega e Literatura, que tras o descanso dará paso, ás 11:30 aos exames de Debuxo Técnico II, Matemáticas Aplicadas ás CC. Sociais II, Debuxo Técnico Aplicado ás AA.PP. e ao Deseño II e Análise Musical. Así, ás 13:00 horas do xoves, darase por concluída a PAU de 2025.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade