Galicia sae á rúa para berrar contra a violencia machista
Milleiros de persoas manifestáronse no 25-N nas sete cidades galegas e en ducias de vilas
O movemento feminista galego saíu á rúa este 25 de novembro, o Día Internacional para Eliminar a Violencia contra as Mulleres.
Celebráronse manifestacións nas sete grandes cidades e en ducias de vilas, convocadas por organizacións feministas, por sindicatos, por asociacións e polos propios concellos.
Os datos revelan a magnitude do problema. 6.000 mulleres sufriron este ano algunha agresión machista en Galicia. Os xulgados galegos abren unha media de 17 procedementos penais cada día relacionados coa violencia contra as mulleres. E o ano pasado decretáronse 1.300 ordes de protección.
O 25 de novembro é tamén día para reclamar políticas de igualdade efectivas, que acaben coa discrimación feminina no ámbito laboral, familiar ou social. Milleiros de persoas saíron á rúa en Galicia para denunciar que sen igualdade será imposible erradicar a violencia machista.
No que vai de ano 37 mulleres foron asasinadas en España, unha delas na Coruña. E cinco menores faleceron tamén vítimas da violencia machista.
As manifestacións e concentracións do 25-N repíronse por toda España. A Federación Estatal de Organizacións Feministas convocou actos en 14 comunidades..
O 25-N conmemórase en todo o mundo desde o ano 1999 e lembra o asasinato de tres irmáns na República Dominicana en 1960, polo seu activismo político e feminista.