Galicia supera as 2.200 infeccións con máis positivos e aumenta a presión asistencial
Galicia supera as 2.200 infeccións con máis positivos e aumenta a presión asistencial
O Sergas notifica que non houbo falecementos por covid nas últimas 24 horas
A área de Ourense ten a peor evolución con 575 persoas co virus, (+185)
Aumenta a ocupación hospitalaria con 63 pacientes, (+4)
Os 361 novos positivos detectados nas probas diagnósticas implican un novo agravamento da incidencia da covid en Galicia. Son 67 máis que a xornada anterior. É o maior número de casos diarios nesta sexta vaga de coronavirus pero tamén se bate a marca de novos casos activos, con case 290 máis. Son 2.259 as persoas infectadas polo virus en Galicia, (+284).
A alza pode indicar que estaríamos mesmo en perigo de que o principal indicador entre en risco alto a próxima semana ou durante o que queda de novembro. Ata o 29 de outubro Galicia estaba en niveis de nova normalidade.
Canto a presión asistencial aumenta de xeito lixeiro en 24 horas e son 51 os pacientes que precisan atención en habitación illada en planta, (+4), pero mantense estable o número de enfermos nas UCI, con 12, os mesmos que a xornada previa. Son así 63 as persoas ingresadas nos hospitais, catro máis que o xoves.
O Sergas informa de que non se rexistraron falecementos por covid en Galicia nas últimas 24 horas polo que a cifra de persoas mortas como consecuencia do virus durante a pandemia manténse en 2.662.
Situación por áreas sanitarias
Preocupa de xeito especial a situación nas demarcacións de Ourense e de Vigo coa peor evolución e que teñen mais da metade das persoas infectadas en Galicia. En Ourense seguen a deixar os indicadores máis negativos con 575 casos activos, (+185), e en Vigo son 516, (+86) as persoas coa infección. Na Coruña son 414, (+31), en Lugo hai 224 casos activos, (+24), 211 en Santiago de Compostela, (+29). Mentres en Pontevedra son 196 as persoas co virus, (+26) e en Ferrol 123, (+3).
Nos hospitais de Lugo e de Pontevedra as UCI covid están libres de pacientes e nos de Ourense hai un ingresado con atención intensiva.
En Galicia realizáronse 2.948.623 probas PCR e xa se administraron 4.647.718 doses das vacinas contra a covid-19.