Publicador de contidos
Publicador de contidos

García Comesaña: "Tiñan que ofertarse mil prazas máis de médico de familia"

García Comesaña: "Tiñan que ofertarse mil prazas máis de médico de familia"

O conselleiro de Sanidade cuestiona o interese do Goberno central en atallar a falta de médicos de Atención Primaria

García Comesaña non descarta que en sete ou quince días se levante a obrigatoriedade da máscara nos centros sanitarios, pero di que se decidirá con "criterios técnicos"

Chama as mulleres embarazadas a se vacinar contra a gripe, ao ser o grupo con taxas de vacinación por debaixo do obxectivo

G24.gal 21/01/2024 10:04 Última actualización 21/01/2024 14:45

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, cuestiona o interese do Goberno central, nomeadamente do Ministerio de Sanidade, en axudar a solucionar a falta de médicos de Atención Primaria.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, García Comesaña exemplifica esas dúbidas cos datos da última convocatoria dos exames de prazas mir (médico interno residente).

"Tiñan que ofertarse cando menos mil prazas máis de médico de familia e ofertáronse trinta e sete", dixo. 

Esa falta de vontade que di apreciar atribúea a que "de xeito intencionado o Partido Socialista antes e agora Sumar" intenten "afogar as comunidades autónomas -agora maioritariamente do Partido Popular- non achegándolle a solución que é ter máis médicos de familia para tratar o que é o maior problema da sanidade pública en Galicia, no País Vasco, en Cataluña...".

"O que hai que facer é abordar dunha vez -e levamos dende o ano 2018 pedindo isto- o sistema de acreditación de prazas de formación de familia comunitaria, flexibilizalo e flexibilizalo mantendo a calidade para permitir formar a máis. Onte tiñan que ofertarse cando menos mil prazas máis de médico de familia e ofertáronse 37 prazas máis".

Máscara e vacinación contra a gripe

O conselleiro de Sanidade non descarta que no prazo de sete ou quince días se levante en Galicia a obrigatoriedade do uso da máscara nos centros sanitarios. Con todo indica que se fará seguindo criterios técnicos e non para "facer política" como lle apón ao Ministerio de Sanidade dirixido por Mónica García.  

Para García Comesaña, a obrigatoriedade imposta pola ministra foi "tarde e mal" xa que nese momento "non habería que tela posto". 

"O Ministerio de Sanidade xogou a facer política co uso da máscara e nós imos seguir de novo escoitando aos técnicos e imos analizar parámetros obxectivos e cando estimemos oportuno quitaremos esa recomendación xeral do uso da máscara. Nós non imos facer política co uso da máscara".

Respecto aos datos, o conselleiro asegurou que o último balance reflicte que  os casos positivos de gripe e as persoas ingresadas por esta doenza seguen á baixa. Este sábado había 525 persoas ingresadas. 

O conselleiro aproveitou tamén para animar ás mulleres embarazadas a se inmunizar contra a gripe ao asegurar que é o grupo no que as taxas de inmunización están por debaixo dos obxectivos.

Pola contra destacou que no resto de grupos Galicia volve liderar en España as taxas de inmunización co 82% dos maiores de 80 anos vacinados e co 74 por cento dos maiores de 65. 

Entrevista completa na Radio Galega
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade