García, sobre a EHE: "Todas as axudas son insuficientes, pero tratábase de evitar que todo gasto recaia sobre as explotacións afectadas"
García, sobre a EHE: "Todas as axudas son insuficientes, pero tratábase de evitar que todo gasto recaia sobre as explotacións afectadas"
García, sobre a EHE: "Todas as axudas son insuficientes, pero tratábase de evitar que todo gasto recaia sobre as explotacións afectadas"
Sobre a vendima na Ribeira Sacra, o secretario xeral de Unións Agrarias dixo: "Espero que nas próximas 24 horas desde a propia Xunta se axude a buscar unha solución para que non quede un quilo de uva sen recoller"
En canto aos estragos do lobo dixo: "Cremos que a protección do lobo está esaxerada fronte á falta de solucións para os gandeiros que a sofren"
Complicada está a situación de moitas explotacións gandeiras en Galicia. O motivo, un mosquito que coa súa picadura lles transmite aos animais a enfermidade hemorráxica epizoótica, presente en focos de máis de 30 comarcas veterinarias galegas. A Xunta e as asociacións agrarias acordaron aumentar as axudas para os afectados. No Bos días analizaron a situación con Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias.
O sector xa anunciara mobilizacións se non se tomaban medidas. Segundo Roberto García, "se no ano 2023 era algo anecdótico, cada día que pasa estase a converter nun problema no conxunto de Galicia". Afirmou que hai máis de 1.500 explotacións con máis de 3.000 animais afectados e que as explotacións teñen unha caída importante da produción tanto de leite como de carne.
Trátase dunhas axudas que se tramitan de xeito directo e este ano chegan a case os seis millóns de euros. Segundo o Secretario xeral de Unións Agrarias, "todas as axudas son insuficientes e unha explotación prefire non ter a enfermidade a cobrar as axudas, pero tratábase de evitar que todo cargo ou gasto recaia sobre as explotacións afectadas".
Será a propia Xunta, de oficio, a que ingrese na conta das explotacións afectadas uns 20 euros por cada animal da explotación afectado e será o gandeiro o que decida en que os gasta. Ademais, multiplicarase por catro a cantidade que se paga polos animais mortos, non só para os casos actuais, senón que se vai repagar polos animais mortos o ano pasado. Serán uns 1.600 euros por animal morto.
Vacina
Ao tratarse dunha enfermidade vírica, non hai tratamento curativo, pero existe unha vacina desenvolvida pola farmacéutica galega Zendal e autorizada pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, que está dispoñible para a súa adquisición baixo prescrición veterinaria. Ademais da protección inmunolóxica que suporá a administración da vacina, é fundamental a aplicación de medidas preventivas encamiñadas a evitar o contacto dos animais co mosquito vector.
Segundo Roberto García "esta vacina acaba de poñerse en marcha e pode ser operativa contra esta cepa, pero hai unha certa desconfianza nas zonas aínda non afectadas porque están esperando a coñecer os efectos secundarios".
O feito de que se estea estendendo en toda Galicia podería permitir estar o ano que vén nunha situación menos grave, matizou o Secretario o xeral de Unións Agrarias. García destacou que "hai que esixir á Administración do Estado que inclúa dentro dos seguros agrarios a inclusión deste tipo de enfermidade que agora están excluídas, incluso o lucro cesante".
Vendima na Ribeira Sacra
Unha campaña que presenta varias incógnitas este ano é a da vendima na Ribeira Sacra. A falta de remuda xeracional, a baixada no consumo de viño tinto e o anuncio dos grandes produtores de non mercar os excedentes de uva poderían deixar 1,3 millóns de quilos de uva sen recoller.
García destacou que "se está a producir un cambio no consumo do viño que afecta de forma moi dramática na Ribeira Sacra". Cre que as novas medidas como o cambio no código de circulación que prohibe o consumo de alcol para as persoas que conduzan vai acelerala. Sobre a uva que pode quedar sen recoller, García dixo que "espero que nas próximas 24 horas desde a propia Xunta se axude a buscar unha solución para que non quede un quilo de uva sen recoller".
Ataque do xabaril e o lobo
Unións Agrarias insta a Xunta de Galicia e os colectivos de cazadores a involucrarse e a actuar sen demora para poñer couto aos cuantiosos danos que o xabaril está a provocar no Deza. Os danos nas parcelas de millo escalan a medida que este vai madurando e as entradas das mandas nos campos aumentan. Ao igual que o malestar dos agricultores e gandeiros da comarca, que se estenden, entre outros municipios, por Lalín, Agolada e Vila de Cruces.
García di que o xabaril xa non é un problema só para os gandeiros, é para os cidadáns en xeral, porque xa está nas cidades e provoca centos de accidentes nas estradas. Sobre o lobo dixo que "non pode ser que a súa protección impida que cando unha manda incide de maneira reiterada sobre a mesma vila non se teña ningún tipo de medida para afastalo ou para exterminalo, dado o problema que causa". Para rematar dixo que "cremos que a protección do lobo está esaxerada fronte á falta de solucións para os gandeiros que a sofren".