Goberno e Xunta comezan a negociar polas discrepancias nos ámbitos eólico e costeiro
Goberno e Xunta comezan a negociar polas discrepancias nos ámbitos eólico e costeiro
Debatirán sobre tres artigos e unha disposición transitoria da lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta
A comisión bilateral de cooperación entre a Administración Xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia acordou iniciar as negociacións para resolver as discrepancias que manifesta o Goberno central respecto de tres artigos e unha disposición transitoria da lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta.
Así o recolle a resolución de 2 de maio da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias que publica este venres o Diario Oficial de Galicia (DOG).
O acordo da comisión bilateral, que asinan a ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, e o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, inclúe tres puntos, o primeiro deles que establece "iniciar as negociacións para resolver as discrepancias manifestadas en relación cos artigos 10, 11 e 46, e a disposición transitoria primeira da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas".
O segundo punto do acordo refírese á designación dun grupo de traballo para proporlle á propia comisión bilateral de cooperación "a solución que proceda".
Por último, o terceiro apartado recolle que se vai a "comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional" así como inserir o acordo no Boletín Oficial do Estado (BOE) e no DOG.
Cales son as discrepancias?
As discrepancias refírense ao artigo 10 da coñecida como lei de acompañamento, que é o referido ao exercicio das competencias de Galicia para a reposición da legalidade na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.
O artigo 11 refírese á prescrición da obriga de restitución ou reposición da legalidade por infraccións reguladas na normativa en materia de costas cometidas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.
Pola súa banda, o 46 modifica a lei de 2009 pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
A disposición transitoria primeira afecta á aplicación das previsións desta lei en canto á restitución ou reposición da legalidade por infraccións reguladas na normativa en materia de costas cometidas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.