Publicador de contidos
Publicador de contidos

Gromo con 21 casos na fragata da Armada "Blas de Lezo" en Ferrol

Gromo con 21 casos na fragata da Armada "Blas de Lezo" en Ferrol

O buque atracou na base do arsenal militar este sábado

Os positivos son asintomáticos e están illados no domicilio

G24.gal 19/12/2021 08:13

A Armada española detectou un gromo de covid-19, con 21 casos, na fragata "Blas de Lezo", que este sábado atracou na súa base do arsenal militar de Ferrol.

Nun comunicado sinala que a unidade abandonou a cidade o 23 de outubro para sumarse ao exercicio Flotex 21 e que, ademais, realizou a súa cualificación operativa e incorporouse á despregadura Lanmis-Bombex, que finalizou este xoves.

Segundo o departamento militar, durante o período en que permaneceu no mar e na base naval de Rota (Cádiz), o buque "cumprimentou os protocolos establecidos para a actividade da frota fronte á covid-19". Así mesmo, resalta que toda a dotación "ten a pauta completa da vacinación".

"Realizáronse as probas de detección de infección activa naquelas situacións que presentaban síntomas leves, sen rexistrarse ningún caso positivo", apunta.

Tras establecer "réxime de porto" á súa chegada a Ferrol "a primeira hora" deste sábado, a Armada indica que "nas horas seguintes á chegada" recibiron a "notificación de que varios membros da dotación deran positivo". 

O arsenal militar de Ferrol subliña que, nada máis coñeceren o feito, as autoridades sanitarias da Armada, en coordinación co buque, fixéronlle unha proba de antíxenos a toda a dotación. Esta medida, asegura, adoptouse de xeito preventivo para detectar posibles novos casos.

Todos os efectivos que deron positivo son asintomáticos e atópanse illados nos seus domicilios. O Sergas coordinará o seguimento dos casos e realizará novas probas diagnósticas de seren necesarias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade