Guerra aberta entre Díaz Ayuso e a dirección do PP
Guerra aberta entre Díaz Ayuso e a dirección do PP
A presidenta madrileña acusa a Casado de urdir un plan para desprestixiala
A dirección popular acúsaa de lanzar acusacións "case delituosas" contra o líder
O PP ábrelle expediente a Ayuso e estuda accións xudiciais
As presuntas irregularidades nun contrato público de máscaras sanitarias en que mediou o irmán de Díaz Ayuso desataron as hostilidades dentro do PP. A presidenta madrileña acusa directamente a Pablo Casado de filtrar as informacións.
Isabel Díaz Ayuso explicou que "as declaracións que durante toda a mañá están publicando os medios de comunicación e que proveñen do círculo de Pablo Casado e que el non desmente son o peor que se pode esperar dos políticos".
Unhas acusacións que levaron a dirección popular a abrirlle expediente informativo á presidenta madrileña e a ameazala con accións xudiciais.
O secretario xeral, Teodoro García Egea, dixo que "Isabel Díaz Ayuso verteu acusacións gravísimas, case delituosas, contra o presidente do Partido Popular e contra toda a dirección nacional".
Egea desvelou que hai 6 meses lle pediron explicacións a Ayuso sobre o presunto cobro de comisións por parte de seu irmán sen recibir resposta. Acúsaa de deslealdade. "Nunca puiden imaxinar que se atacara dunha forma tan cruel e inxusta a dirección dun partido que lle deu todo", lamentou Egea.
Ayuso admite a participación do seu irmán no contrato baixo sospeita, aínda que negou irregularidade ningunha. De fondo, ve a intención da cúpula de impedir que se faga co control do PP madrileño.
A presidenta madrileña dixo que "nunca puiden imaxinar que a dirección nacional do meu partido ía actuar dun modo tan cruel e tan inxusto contra min. Non pode haber nada máis grave que acusar a alguén da propia casa e con responsabilidades de Goberno de corrupción".
O xornal El Mundo conta que a dirección do PP intentou espiar a Díaz Ayuso desde o concello de Madrid. Apunta ao coordinador xeral da alcaldía, Ángel Carromero, que este xoves presentou a súa dimisión.