Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sabotaxe en directo á imaxe do líder supremo iraniano na televisión estatal

Sabotaxe en directo á imaxe do líder supremo iraniano na televisión estatal

Emitiuse unha foto de Ali Jameneí rodeado de chamas e cunha mira dun fusil sobre a testa

A imaxe de Jameneí emitida na televisión estatal A imaxe de Jameneí emitida na televisión estatal
G24.gal 09/10/2022 11:40

O líder supremo de Irán, Ali Jameneí, converteuse no obxecto da ira da mocidade que participa nas protestas pola morte de Mahsa Amini, con berros de “morte ao ditador” ou coa sabotaxe das súas intervencións televisivas.

“As túas mans están cheas do sangue dos nosos mozos”, viron uns espectadores atónitos no informativo nocturno da televisión estatal. A programación mostraba a Jameneí nunha intervención cun grupo de clérigos cando en pantalla apareceu algo que ninguén agardaba. 

A imaxe cambiou para mostrar a Jameneí rodeado de chamas e cunha mira dun fusil sobre el, mentres abaixo aparecían fotos de Amini e doutras mozas que morreron nas protestas. Ademais, unha voz en off recitaba sobre estas imaxes o slogan das protestas: “Muller, liberdade, vida”.

Ao cortarse a imaxe, púidose ver o presentador do informativo con xesto compunxido dicindo: "Queridísimos espectadores, convídoos a que vexan o resto das novas". O grupo de hackers Edalat-e Ali (Xustiza de Ali) responsabilizouse da acción.

Obxectivo da mocidade

A figura de Jameneí está a ser un dos obxectivos da mocidade que protesta desde a morte de Amini o 16 de setembro.

Os cánticos máis escoitados nas múltiples protestas que se rexistran en todo o país é “morte ao ditador”, en referencia ao líder supremo, “morte a Jameneí” ou “morte á República Islámica”. Eses berros resoan polas noites en numerosos barrios de Teherán desde as xanelas das casas.

O líder relixioso de 83 anos reapareceu a mediados de setembro tras circularen rumores sobre o mal estado da súa saúde. Malia facer varias aparicións públicas, non foi ata o 3 de outubro, pasadas as dúas semanas de protestas, cando fixo mención á morte de Amini.

Jameneí culpou os Estados Unidos e a Israel das mobilizacións. Porén, cualificou o falecemento da moza de “desoladora”.

Morte de Amini

Amini, de 22 anos, morreu o 16 de setembro tras ser detida tres días antes pola chamada policía da moral en Teherán, ao considerar que levaba mal posto o veo islámico.

A entidade estatal Organización de Medicina Forense de Irán afirmou o venres que Amini faleceu por unha doenza previa e non pola malleira policial.

I líder supremo de Irán mantiña un encontro cun grupo de clérigos I líder supremo de Irán mantiña un encontro cun grupo de clérigos
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade