Publicador de contidos
Publicador de contidos

Filipe VI prometía hai dez anos nas Cortes "unha monarquía renovada para un tempo novo"

Filipe VI prometía hai dez anos nas Cortes "unha monarquía renovada para un tempo novo"

Durante a intervención amosara o seu desexo de que "os españois se puidesen sentir orgullosos do seu novo rei"

G24.gal 18/06/2024 22:00

Pasaran dezasete días dende a abdicación de Xoán Carlos I, e o Congreso vestíase de cerimonia para proclamar o seu sucesor. As Portas dos Leóns abríanse ás dez e media da mañá para don Filipe e dona Letizia.

Ante o presidente do Congreso, Jesús Posada, tomou xuramento a Filipe VI: "Xuro desempeñar fielmente as miñas funcións, gardar e facer gardar a Constitución e as leis, e respectar os dereitos dos cidadáns e as Comunidades Autónomas".

No banco do Goberno sentaba Mariano Rajoy, e Alfredo Pérez Rubalcaba lideraba a oposición. Na tribuna de invitados, os expresidentes do Goberno, os presidentes autonómicos e as autoridades do Estado. Ausentes, os deputados da esquerda republicana e os independentistas. O primeiro discurso como novo xefe do Estado trazou os obxectivos do seu reinado: "Nada me honraría máis que co meu traballo e esforzo diario os españois se puideran sentir orgullosos do seu novo rei. Unha monarquía renovada para un tempo novo".

Filipe VI gabou o reinado do seu pai, ausente da cerimonia para cederlle o protagonismo: "Hai case 40 anos, dende esta mesma tribuna, o meu pai manifestou que quería ser rei de todos os españois, e así foi". Tivo palabras para a súa nai e para as súas fillas, que daquela tiñan oito e seis anos: "Nos valores de liberdade, responsabilidade, solidariedade e tolerancia, a raíña e eu educamos as nosas fillas, a princesa Leonor e a infanta Sofía".

Unha ovación de dous minutos pechou a intervención do rei, que rematada a cerimonia recibiu o apoio de milleiros de cidadáns polas rúas de Madrid. O saúdo dende o palco central do Palacio Real estivo marcado polos xestos de cariño entre os membros da familia. Para concluír a xornada de proclamación, Filipe VI e dona Letizia recibiron no salón do trono unha representación da política e a sociedade española. Uns 2.000 invitados que acompañaron o monarca nos primeiros pasos do seu reinado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade