Publicador de contidos
Publicador de contidos

Hamas ábrese a aceptar a proposta de tregua de Biden, pero modificando algúns puntos

Hamas ábrese a aceptar a proposta de tregua de Biden, pero modificando algúns puntos

Un funcionario israelí sostén que Hamas rexeita a proposta de Biden

Os ataques israelís seguen por toda a Franxa 250 días despois do inicio de guerra

G24.gal 12/06/2024 13:11

A organización islamista Hamas reitera que está disposta a aceptar a proposta de tregua do presidente estadounidense Joe Biden, pero pediu que se modifiquen algúns puntos do acordo, segundo confirmaron a EFE fontes do grupo palestino.

"Non é un rexeitamento, son dúbidas sobre os detalles para a implementación do acordo", indicaron a EFE fontes de Hamas.

As milicias entregaron onte pola tarde a súa resposta oficial ás delegacións de Exipto e Qatar, mediadores do conflito xunto cos Estados Unidos, en que subliñaban a súa disposición "positiva" a alcanzar un cesamento do fogo.

"A resposta dá prioridade ao interese do noso pobo palestino e á necesidade de deter por completo a agresión en curso contra a Franxa de Gaza", anunciaron Hamas e a Xihad Islámica onte nun comunicado conxunto.

Con todo, un funcionario israelí sostivo que Hamas na súa resposta rexeitaba a proposta de Biden e que ademais cambiara os principais puntos do acordo.

“Esta tarde Israel recibiu, a través do mediador, a resposta de Hamas. Na súa resposta, Hamas rexeitou a proposta de liberación de reféns presentada polo presidente Biden”, trasladou este funcionario á prensa israelí.

As condicións de Hamas

Al Jazeera, canle pertencente a Qatar, principal mediador de Hamas, avanzou onte á noite algunhas das emendas engadidas na resposta do grupo palestino, como a retirada total das tropas israelís de Gaza, incluído o estratéxico corredor de Filadelfia que separa a Franxa de Exipto, que xa controla o exército.

O primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu repetiu insistentemente que Israel non vai parar a guerra ata que non cumpra os seus obxectivos: desmantelar as capacidades militares e gobernamentais de Hamas e o regreso de todos os reféns.

A proposta presentada polo presidente estadounidense Joe Biden hai 13 días consideraba tres fases de seis semanas para o acordo, a segunda delas incluía o cesamento do fogo definitivo e a saída parcial das tropas israelís tras a liberación de todos os reféns civís vivos na fase anterior.

Tras máis de oito meses de guerra e con máis de 37.000 mortos nunha franxa devastada, parte da comunidade internacional espera que este acordo se sele canto antes para lograr un cesamento do fogo e o intercambio de reféns por presos palestinos.

Os ataques israelís seguen na Franxa despois de 250 días de guerra

Os bombardeos e a artillería israelí seguen sen cesar por toda a Franxa de Gaza cando se cumpren 250 días desde o inicio da guerra. 

No sur de Rafah, segue o combate corpo a corpo. A axencia palestina Wafa asegura que nas últimas 24 horas decenas de civís, entre eles menores, morreron en ataques aéreos lanzados polo exército e varios deles quedaron feridos.

A Media Lúa Vermella Palestina (MLVP) reportou a morte doutros seis civís polos ataques de avións de guerra israelís contra casas residenciais e unha mesquita no barrio de Zaytun, ao sueste da cidade de Gaza.

O campo de refuxiados de Nuseirat, no centro da Franxa, foi de novo obxectivo da artillería israelí. Alí o sábado unhas 270 persoas morreron e preto de 680 persoas quedaron feridas na operación de rescate de reféns. Durante a xornada de onte, segundo Israel, atacaron e desmantelaron uns "30 obxectivos terroristas" ao longo de todo o enclave.

Segundo informes recentes de UNICEF, case 3.000 nenos quedaron sen tratamento por desnutrición aguda moderada e grave no sur de Gaza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade