Polo menos cincocentos mortos no bombardeo a un hospital de Gaza
Polo menos cincocentos mortos no bombardeo a un hospital de Gaza
Tanto a Autoridade Nacional Palestina como Hamas acusan a Israel do ataque, pero o exército israelí responsabilizou a milicia palestina da Xihad Islámica de lanzar un refacho de foguetes que impactaron accidentalmente no hospital
"Que o mundo enteiro o saiba: os terroristas bárbaros de Gaza son os únicos que atacaron o hospital, non o exército israelí", afirmou Netanyahu
Un ataque aéreo nun hospital no centro de Gaza causou esta tarde do martes centos de mortos, mentres seguen os bombardeos israelís sobre a Franxa e moitos civís se refuxian nos centros sanitarios para protexerse das bombas.
"Polo menos douscentos mortos polos bombardeos de Israel no Hospital Al-Ahli, un dos centros sanitarios do centro de Gaza", informou o Ministerio de Sanidade palestino nun comunicado.
As primeiras informacións falan de entre 300 e 500 falecidos nun centro hospitalario que atendía enfermos e feridos e onde milleiros de refuxiados se concentraban ás portas buscando un lugar onde refuxiarse dos ataques.
Netanyahu: "Os terroristas bárbaros de Gaza son os que atacaron o hospital"
O primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu responsabilizou os "terroristas bárbaros de Gaza" do ataque. "Que o mundo enteiro o saiba: os terroristas bárbaros de Gaza son os únicos que atacaron o hospital, non o exército israelí", afirmou o primeiro ministro nun comunicado.
"Quen asasinou brutalmente os nosos fillos tamén asasina os seus propios fillos", asegurou Netanyahu, quen ten previsto reunirse este mércores co presidente estadounidense Joe Biden, de visita en Israel.
Tanto a Autoridade Nacional Palestina (ANP), liderada polo presidente Mahmud Abbas, como Hamas, que controla a Franxa de Gaza, acusan a Israel do bombardeo, pero o exército israelí responsabilizou a milicia palestina da Xihad Islámica de lanzar un refacho de foguetes que impactou accidentalmente no hospital.
Abbas cancelou a súa participación este mércores nun cumio a catro en Amán con Biden, co rei de Xordania Abdalá II e o presidente exipcio Abdul Fatah al-Sisi, despois de coñecerse que centenares de palestinos morreran no hospital.
"O presidente decidiu interromper a súa visita a Xordania e regresar inmediatamente a territorio nacional e mantivo esta noite unha reunión urxente co liderado palestino", informou un comunicado de Presidencia difundido pola axencia oficial palestina Wafa.
De momento, a Casa Branca non se pronunciou sobre ese incidente nin modificou a axenda desta xira por Oriente Medio.
O presidente israelí Isaac Herzog tamén acusou a Xihad Islámica do ataque e aseverou que Israel se enfronta a un inimigo feito de pura maldade, en referencia ás milicias islamistas de Gaza, coas que libran unha guerra desde hai once días.
"Un mísil da Xihad Islámica matou moitos palestinos nun hospital de Gaza, un lugar onde se deberían salvar vidas", indicou Herzog.
Nacións Unidas denuncia ademais o bombardeo a unha das súas escolas en Gaza e que Israel está atacando cidades ao sur da franxa, a onde mandou desprazar os habitantes do norte para a súa seguridade. Hai imaxes tamén dun bombardeo en Rafah, moi preto do paso fronteirizo onde se concentran centos de palestinos coa esperanza de poder saír cara a Exipto.
De momento o paso segue pechado. Ao outro lado amoréanse camións cargados de axuda humanitaria, mentres a situación en Gaza é cada vez máis agónica, coas reservas de auga e de comida case esgotadas e cos hospitais apurando as últimas horas de combustible.
Con esta situación, o líder supremo de Irán lanzou este martes unha ameaza a Israel: se persisten os ataques, di, ninguén poderá parar as forzas de resistencia musulmás, e advertiu do risco dunha temida escalada rexional do conflito.
Os once días de guerra entre Israel e as milicias palestinas marcan o conflito armado con maiores estragos humanos sufridos por Gaza nos últimos anos, e case dous terzos das vítimas mortais no enclave son mulleres e nenos.